Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Cei xa forma parte da rede galega IGAPE


# Mércores, 13/02/2008


A Concelleira de Emprego, Sonia Méndez, anunciou que o Centro de Empresas e Innovación (Cei) recibiu a resolución do IGAPE para integrarse nesta rede galega de organismos de apoio aos emprendedores. Sonia Méndez destacou “que formar parte dunha rede xa consolidada e que respecta a autonomía servirá para reforzar os servizos e sumar esforzos para aproveitar as reciprocidades existentes entre estas organizacións”.

O IGAPE está integrado por distintos viveiros de empresas de Galicia e puntos PAIT (punto de asesoramento e inicio de tramitación). A edil explicou que “coa integración do Cei nesta rede complétanse os pasos realizados para establecer a cooperación, a coordinación e o traballo en común das entidades que traballamos polo emprego, plasmado recentemente no Pacto de emprego de Lugo”.

Para acceder a esta rede o CEI presentou un sistema co que se artellará o traballo en rede, que pasa pola colaboración entre os centros de empresa e co IGAPE para as accións levadas a cabo desde o CEI de apoio ao emprendedor como son as xornadas de dobre innovación empresarial, o día do emprendedor, o maratón empresarial e o asesoramento a emprendedores, entre outras actividades.

Sonia Méndez indicou que “grazas á incorporación a esta rede o CEI e os seus usuarios resultarán moi beneficiados” pois os técnicos terán a posibilidade de recibir formación do IGAPE, o CEI terá acceso telemático específico a determinadas funcións da web IGAPE restrinxidas aos integrantes, e os usuarios do CEI terán a posibilidade de compartir ferramentas e estudios como plans de empresa, estudios de mercado.

Ademais, o IGAPE financiará con 15.000 euros parte do custo salarial dun técnico que se responsabilizará da función de coordinación co resto de centros de Galicia.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova