Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Touriño destaca que o novo hospital de Lugo, no que se investirán máis de 200 millóns de euros, prestará un 'servizo de primeiro nivel' a unha poboación de máis de 225.000 persoas


# Xoves, 14/02/2008
O presidente da Xunta visitou este mediodía as obras do novo hospital da cidade da muralla, acompañado pola conselleira de Sanidade, o presidente da Deputación de Lugo e o alcalde da cidade, entre outras autoridades

Afirma que a obra estará rematada e en servizo en 2009 e que contará cuns servizos pioneiros en materia do denominado “transporte robotizado”

Sinala que esta infraestrutura permitirá albergar novos servizos para os lucenses en materia de medicina nuclear ou radioterapia, entre outros, ao tempo que ampliará a oferta existente


Segundo explicou o arquitecto da obra ás autoridades presentes na visita, o modelo do hospital de Lugo está xa a ser imitado por outras autonomías españolas

Lugo, 14 de febreiro de 2008.- Emilio Pérez Touriño, titular da Xunta, puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego cunha “materia tan sensible como é a sanidade” no decurso dunha visita realizada ás obras do novo hospital de Lugo, na que estivo acompañado pola conselleira de Sanidade, o presidente da Deputación de Lugo e o alcalde da cidade da muralla. O máximo mandatario autonómico remarcou que o novo hospital de Lugo, no que se investirán máis de 200 millóns de euros, permitirá ampliar notablemente a oferta sanitaria da cidade e da súa área xeográfica, dando “un servizo de primeiro nivel” a unha poboación de aproximadamente 225.000 habitantes.

Segundo explicou Pérez Touriño aos medios de comunicación unha vez concluída a visita, só en equipamento investiranse máis de 38 millóns de euros. De feito, tal e como explicou o titular da Xunta, o hospital contará con “tecnoloxía moi potente e de última xeración”, entre a que se inclúen experiencias pioneiras no eido do denominado “transporte robotizado”, que vai garantir unha eficaz mobilidade para todos os elementos de loxística interna desta infraestrutura sanitaria.

Novos servizos
Xunto a isto, o presidente da Xunta destacou que o novo hospital de Lugo permitirá dotar á cidade e á súa área xeográfica de novos servizos en materia sanitaria relativos á medicina nuclear ou radioterapia, entre outros, ao tempo que multiplicará a oferta existente. Paralelamente, a nova infraestrutura sanitaria aposta polo desenvolvemento no seu marco de accións de innovación e investigación no eido sanitario, promovendo unhas “prestacións sociais á altura do século XXI”, segundo subliñou Touriño.

Posta en marcha en 2009
O máximo mandatario autonómico datou a posta en marcha do novo hospital para o ano 2009, unha vez conclúa a obra civil e o seu equipamento. Neste sentido, a titular de Sanidade, María José Rubio, remarcou que “a definición de novos equipos” para a obra permitirá pór en marcha unha infraestrutura “á altura de calquera hospital europeo”. Segundo precisou a conselleira, o novo hospital permitirá desenvolver novos servizos en disciplinas tan relevantes como a Oncoloxía, ou a Hemodinámica.

Tal e como explicou o arquitecto da obra, Luís Fernández Inglada, ás autoridades presentes na visita, o novo hospital de Lugo posúe elementos pioneiros en materia de arquitectura civil, que están xa “sendo imitados por outras autonomías españolas”. O arquitecto da obra explicou os seus elementos ante unha maqueta do novo hospital situada no andar cero. A continuación, as autoridades percorreron o que será a futura zona de urxencias, así como a zona de hospitalización pediátrica e de consultas externas do novo hospital, recibindo explicacións do responsable da obra, que manifestou o seu interese por dotar a infraestrutura dunha “dimensión humana”. De feito, segundo subliñou, nas paredes dos cuartos haberá obras de arte e litografías realizadas por diferentes artistas que permitirán “amenizar” o período de hospitalización dos pacientes.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova