Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Rubio Vidal asegurou que a transparencia da administración e dos medios de comunicación contribúen á modernización de Galicia


# Venres, 15/02/2008
A conselleira de Sanidade inaugurou as I Xornadas de Saúde e Comunicación organizadas pola Asociación da Prensa de Lugo

Destacou algunhas das accións que en materia de comunicación está a poñer en marcha o seu departamento como campañas de sensibilización ou melloras na páxina web e nos servizos tecnolóxicos.

A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, felicitou a madurez dos medios de comunicación galegos e asegurou que “estamos a responder a esa madurez tamén coa transparencia que Galicia se merece e coa tranquilidade do traballo serio e constante para contribuír, dende o noso ámbito, a consolidar a modernización de Galicia”. Precisamente, Rubio Vidal, incidiu en que “este compromiso de transparencia do presidente da Xunta se ten traducido en leis como a de subvencións e a de transparencia, ou na próxima lei de publicidade institucional, ou a de reforma dos medios públicos de comunicación”.

María José Rubio Vidal, que foi a encargada de inaugurar esta mañá as I Xornadas de Saúde e Comunicación organizadas pola Asociación da Prensa de Lugo que se están a celebrar na cidade das murallas, lembrou que “é un compromiso irrenunciable o que ten a administración autonómica coa transparencia, e que se suma á respectuosa pluralidade informativa”.

No acto estivo tamén presenta o Alcalde de Lugo, José López Orozco, quen suliñou a importancia de que os profesionais dos medios e da Sanidade traballen conxuntamente “e garantan así unha información completa e contrastada que permitirá que todos coñezamos mellor o complexo mundo da saúde”. Aproveitou ademais para gradecer aos organizadores a elección da cidade de Lugo para a celebración destas xornadas.

A conselleira de Sanidade salientou que o seu departamento está a impulsar un desenvolvemento integral da comunicación no sistema sanitario galego. Así, xa nas Directrices de Política Sanitaria de Galicia para esta lexislatura, aprobadas polo Consello da Xunta, incluíuse unha liña encamiñada a mellorar a comunicación interna e externa da Sanidade pública galega.

Carteira de servizos tecnolóxicos con seguridade e calidade
Rubio Vidal sinalou tamén que “son moitas as iniciativas comunicativas que temos en marcha” e entre elas destacou “a posta en marcha dun Comité de Comunicación, tamén a promoción do uso da lingua galega na Sanidade pública galega e a linguaxe non sexista, ou a adaptación da imaxe corporativa aos tempos de hoxe, e a actualización dos contidos e do deseño do noso portal web”.

A titular da Sanidade pública galega lembrou tamén que “temos unha carteira de servizos tecnolóxicos para comunicarnos coa cidadanía galega con seguridade e calidade, como a posibilidade de consultar a posición de cada quen na lista de espera en internet, ou a oferta de recibir avisos ou recordatorios no móbil”.

Neta liña de traballo, María José Rubio Vidal tamén destacou que se están a desenvolver outras iniciativas como a creación dun rexistro unificado de xestión das reclamacións e suxestións; así como varias campañas de comunicación “dirixidas sempre á sensibilización da cidadanía no aproveitamento progresivo dos recursos sanitarios, ou na convivencia”.

Ademais da importancia da comunicación, María José Rubio Vidal fixo tamén fincapé na importancia da saúde como outro dos piares destas xornadas e “como un dereito que a cidadanía ten” e por iso, engadiu, “todas as nosas actuacións encamiñadas á garantir a sostenibilidade do sistema, a mellorar a eficiencia na xestión, aumentar a calidade da atención sanitaria, ou a ampliar a carteira de servizos, están directamente relacionadas coa consolidación dese dereito á saúde”.

As I Xornadas de Comunicación e Saúde continuarán con diferentes actividades, entre elas varias mesas redondas nas que participará esta tarde o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Ramón Medina González-Redondo, e mañá o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González Pazó.

O delegado da Consellería de Sanidade en Lugo, Miguel Ángel Rodríguez Lois, será o encargado de realizar mañá a partir das 13.30 horas o acto de clausura; mentres que o primeiro relator de hoxe no congreso foi presentado polo director provincial do Servizo Galego de Saúde, José Luís Rodríguez López.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova