Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

María José Caride asegura que en catro meses se resolverá o concurso de ideas para o novo auditorio de Lugo


# Martes, 19/02/2008
A conselleira de Política Territorial e o Alcalde de Lugo visitaron os terreos onde se construirá o futuro auditorio da cidade, que estará en obras en 2009

A CPTOPT xa aprobou o proxecto dos accesos ao novo hospital dende a Rolda Leste, e entrarán en servizo ao mesmo tempo que o complexo sanitario.

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, asegurou hoxe que no prazo de catro meses se resolverá o concurso de ideas para o novo auditorio de Lugo. Segundo explicou tras unha visita á zona onde se ubicará o auditorio, no próximo mes a Consellería realizará os trámites administrativos preceptivos para deixar sen efecto a anterior licitación e procederá a convocar o concurso de ideas para o deseño do novo edificio, que deberá estar resolto en tres meses, o que permitirá comezar as obras en 2009. Deste xeito, María José Caride salientou que se escolle o procedemento “máis áxil” para dotar a Lugo dun auditorio que converta á cidade “nun referente cultural de calidade”, tralo acordo sobre a nova ubicación.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, agradeceu o compromiso da Conselleira con Lugo “o feito de contratar o proxecto e a obra, e urbanizar a parcela é un compromido da Consellería de Política Territorial e polo tanto creo firmemente que cumprirá coa nosa cidade”.

López Orozco dixo estar contento coa decisión, “en política sempre hai que elexir entre o posible e o probable, e eu quero que Lugo teña unha dotación tan importante como é o Auditorio”. Destacou que con este acordo a cidade gana dúas dotacións, “unha delas no centro da cidade que sempre foi a miña meta”.

María José Caride insistiu en que o compromiso da Consellería de Política Territorial e da Xunta de Galicia con Lugo “foi firme dende o primeiro momento” e así se reflicte no acordo a catro bandas (entre Política Territorial, Cultura, Vivenda e o Concello de Lugo) asinado hai uns días e que cualificou de “óptimo”, xa que “non causa prexuízo sobre a Muralla e, ademais, permítenos levar a bo porto unha infraestrutura que é boa para Lugo, unha cidade de referencia do noso patrimonio e da nosa cultura”.

Segundo o citado acordo, Política Territorial asume o financiamento e construción do centro cultural-auditorio de Lugo nunha parcela de 13.700 m2 en Magoi que cede a Consellería de Vivenda a través do IGVS. Ademais da construción do auditorio, Política Territorial encargarase das obras de urbanización da totalidade da parcela cedida polo IGVS ( de case 29.000 metros cadrados), onde se construirá vivenda protexida, mentres que no cuartel de San Fernando –ubicación inicial do auditorio- construirase agora o Museo da Romanización.

María José Caride tamén aludiu ao compromiso orzamentario para materializar a obra, que se concreta en 14 millóns de euros, o que garante a viabilidade do proxecto xa que, segundo recordou, a partida de 5 millóns cifrada polo anterior executivo era “totalmente insuficiente” para acometer o proxecto.

Rolda Leste e accesos ao futuro hospital
Doutra banda, a conselleira tamén anunciou que nun par de semanas iniciarase a construción da Rolda Leste da cidade, que inclúe os ramais de acceso á futura área hospitalaria que está a construír a Consellería de Sanidade. Precisamente para encaixar estes accesos que financian a partes iguais o Concello de Lugo e a CPTOPT, o proxecto de Rolda Leste inclúe a construción de dúas glorietas. Dende unha das glorietas partirá un acceso perimetral cara ó Oeste do hospital (de case 383 metros) e da outra glorieta construirase unha segunda vía perimetral cara a zona Leste (de 367 metros) que inclúe os ramais de acceso ao futuro hospital. O proxecto para os accesos xa foi aprobado e adxudicado polo que, esta nova infraestrutura entrará en servizo ao tempo que o novo complexo sanitario.

O alcalde de Lugo, amosou o seu agradecemento polos compromisos da Consellería de Política Territorial con Lugo e salientou que “é a mellor solución e os lucenses están satisfeitos”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova