Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo presentou o libro "A esforzada conquista da autonomía, 1979-1981" de Ceferino Díaz


# Martes, 19/02/2008
Esta obra recolle a crónica política e social da Intensa loita do pobo galego pola consecución do Estatuto de Autonomía

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou xunto ao director do diario El Progreso, Lois Caeiro, e o conselleiro da Editorial Galaxia, Benxamín Casal, o libro “A esforzada conquista da autonomía, 1979-1981” do escritor e deputado socialista Ceferino Díaz. O acto tivo lugar este luns, 18 de febreiro, ás 20:00 horas, no salón de actos do Centro Social Municipal Uxío Novoneyra.

López Orozco destacou a importancia desta obra xa que é unha fiel lembranza dunha época de intensa actividade política e de gran implicación social que conduciu a conseguir dun xeito pacífico e consensuado o ansiado Estatuto de Autonomía. O mandatario municipal explicou que ninguén mellor que Ceferino Díaz para narrar como testemuña directa esta conquista imprescindible na historia de Galicia e que determina o presente e o futuro da cidadanía galega.

Ceferino Díaz lembrou como o 4 de decembro de 1977 o pobo galego botouse ás rúas, nunha mobilización sen precedentes, na procura do recoñecemento da condición de nacionalidade histórica e reclamando para Galicia o máximo tratamento de autogoberno que a Constitución de 1978 permitía.

Na transición galega milleiros de cidadáns saíron ás rúas para reclamar un dereito histórico truncado polo estoupido da Guerra Civil e a posterior ditadura franquista. Xente de distinta ideoloxía e condición social uníronse nesta loita por esta conquista popular.

O libro “A esforzada conquista da autonomía, 1979-1981” recolle a crónica política e social desta época de intensa loita dun proceso que durou meses e que se desenvolveu entre tensións, pactos e negociacións e que culminou coa a probación do estatuto de Autonomía de 1981.

Ceferino Díaz, entón vicesecretario do Partido Socialista de Galicia-PSOE e posteriormente deputado e portavoz na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia, foi testemuña excepcional daqueles acontecementos. O seu arquivo persoal, a magnífica documentación reunida durante todos estes anos, contrastada coas lembranzas e cos datos doutras persoas que participaron no mesmo momento político, configuran esta reconstrución lúcida dun período decisivo da nosa historia máis próxima.

Este libro subtitúlase “Unha ollada desde o socialismo galego” porque o autor reivindica o papel do PSdeG-PSOE neste proceso como un dos motores fundamentais para a conquista de autogoberno autonómico nun tempo de vacilacións, confusión e arriscados trasacordos.

Manuel Ceferino Díaz (O Saviñao, Lugo, 1947), licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, é desde o ano 2002 deputado polo Partido Socialista de Galicia-PSOE no Parlamento español. É un membro destacado da corrente galeguista do socialismo, foi Secretario de Relacións Políticas (1979-80) e vicesecretario xeral (1980-82) deste partido.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova