Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo abre ao público a exposición 'Un xardín na memoria'


# Mércores, 20/02/2008
O Centro Social Municipal Uxío Novoneyra acolle esta mostra ata o vindeiro 15 de marzo

As fotografías, os planos e os documentos expostos reflicten a historia do Parque Rosalía de Castro

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, visitou hoxe xunto ao Concelleiro de Medioambiente, Lino González Dopeso, a exposición “Un xardín na memoria” nun acto que tivo lugar ás 19:30 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra.

O Alcalde destacou a extraordinaria calidade desta mostra organizada polo Concello de Lugo que servirá para poñer en valor este emblemático espazo verde da cidade e dar a coñecer a todos os lucenses a historia do gran parque de Lugo.

A exposición conta cun total de 130 fotografías, 50 planos, 100 dixitalizacións de prensa e numerosos recortes cos que se pode descubrir a historia e evolución deste parque. Todos os visitantes recibirán un folleto gratuíto e por un prezo de 12 euros poderán adquirir o catálogo da exposición.

A mostra permanecerá aberta ata o 15 de marzo na Sala de Exposicións deste centro en horario de 16:00 a 21:00 horas.

A historia do parque
O antigo Parque de Alfonso XIII comezouse a construir en 1921. Debe a súa primeira denominación á conmemoración das vodas de prata dos Reis. A súa construción foi acordada polo Concello o 2 de xullo de 1921. Incluíase dentro do chamado plan de hixienización da cidade e pretendía a “construción dun amplo parque con todas as comodidades e recreos desta clase de paseos”. O lugar escollido era coñecido coma Bellavista no Garañón. Adquírense un total de 94.656 metros cadrados cun investimento de 91.078 ptas. O proxecto inicial foi redactado polo entonces arquitecto municipal Ramiro Saíz, sendo aprobado en novembro de 1921.

O proxecto recollía a entrada ao parque pola primitiva avenida de Ángel López Pérez estendéndose aos xardíns ata o mirador Bellavista. Dende este punto por medio de grandes escalinatas prolongaríase ata chegar á estrada do Baño. A súa construción dilátase no tempo, caendo nos anos 1923 ao 1925 nunha situación de total abandono.

Coa volta de López Pérez póñense de novo as obras en marcha. Así, o 8 de xullo de 1927 a C.M.P. encarga ao arquitecto municipal, Eloy Maquieira Fernández a realización dun presuposto para o remate das obras de embelecemento da parte alta do Parque. Ás obras dáselles urxencia, xa que como manifestará o Alcalde nunha entrevista con Antonio de Cora para La Voz de Madrid, a pretensión era a de rematar as obras a 1 de outubro coas festas de San Froilán.

Á altura do 1928 as obras do parque refírense basicamente á ornamentación e á dotación de determinados servizos coma o alumeado. Apróbanse os orzamentos para a instalación da fonte elíptica, de bancos, farois... É neste ano cando se procede á colocación da estatua, fundida na antiga fábrica de Sargadelos, que estivo colocada na fonte da Praza Maior, emprázase na antiga Praza de España (Praza de Avilés).

En Pleno do 30 de xullo de 1928 o Concello autoriza a Ramón Lorenzo a instalación dun quiosco no parque de Alfonso XIII por 25 anos.

A partir de fins de 1928 a parte alta do parque está practicamente urbanizada, polo que os esforzos dedicaranse principalmente á urbanización da parte baixa. En marzo de 1928 o Concello encarga a enxeñeiros agrónomos de Bilbao os planos das obras da parte inferior do Parque, pero será en acordo do 18 de xullo de 1928 cando o Concello contrate a Cecilio Rodríguez, xardineiro maior do Concello de Madrid, a redacción dos proxectos de xardíns da parte baixa do parque.

Nunha visita á cidade de Primo de Rivera, o 1 de agosto de 1928, acompañado polas diferentes autoridades achégase ata o Parque. Esta era unha práctica moi común, cando chegaba algunha personalidade á cidade entre os diferentes lugares de interese que se lle mostraban, Catedral, Muralla, etc.; tamén se incluía o Parque como unha especie de símbolo desa evolución e modernización que se estaba pretendendo desenvolver na cidade.
Nesa visita, Primo de Rivera, impulsado pola súa preocupación polo fomento da Instrucción Pública, apunta a necesidade de construír no Parque unha biblioteca que contivese diferentes obras e un mapa de España en relevo.

O acordo para a súa instalación recóllese en sesión de 5 de xuño de 1929, refrendado polo Pleno do 24 do mesmo mes; adquírese a casa “Hipzos” un mapa cartográfico da Península Ibérica en relevo con iluminación nas capitais españolas e en Lisboa, e en 14 fases. A escala do mesmo era 1:250.000, tendo unhas dimensións Este-Oeste de 4,90 metros e de Norte-Sur de 3,60 metros.

O prezo era de 11.650 pesetas e a súa adquisición era declarada de utilidade segundo a Real Orde do 19 de abril de 1929. A instalación do Mapa de España virá acompañada pola aprobación do presuposto para a construcción da cuberta do mapa (paxareira) realizado por Eloy Maquieira. O día 25 de xaneiro de 1931 quedará aberto definitivamente o mapa.

Na II República o parque, xa convertido en Parque de Rosalía de Castro, cae nun profundo abandono que motivará que no ano 1935 repetidamente diversos concelleiros presenten queixas e reclamen que se leven a cabo as reparacións necesarias.

As obras de urbanización da parte baixa do Parque demoraranse moito tempo; levándose a cabo primordialmente entre finais da décadas dos 30 e na década dos 40, facéndose necesario recorrer para o seu financiamento, especialmente no período 1926-1939, aos fondos da suscripción Pro-Paro Obreiro que se abre neste período.

No ano 1941 o paisaxista Luciano Turc Bert realiza un novo proxecto de urbanización da parte baixa do Parque que non modifica dun xeito importante o proxecto de Cecilio Rodríguez.

Na década dos sesenta as costas do parque acadan a súa actual panorámica da man do arquitecto Efrén García Fernández que redacta primeiro un anteproxecto para ampliar o Parque pola ladeira que mira ao Miño e encárgase da urbanización da parte baixa (1962) e da construción do pavillón municipal dos deportes (1964).

A última gran actuación no parque de Rosalía desenvólvese na década dos noventa coas obras de remodelación das costas do parque dirixidas polos arquitectos Santiago Catalán Tobia, José Arias Jordán e Eduardo Herráez Fernández (1989 - 1998).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova