Imprimir

O INXENIO E A CAPACIDADE DE XESTIÓN POSTOS A PROBA NO II MARATÓN EMPRESARIAL UNIVERSITARIO ORGANIZADO POLO CONCELLO DE LUGO


21/2/2008 Celébrase con éxito por segundo ano consecutivo

A cidade de Lugo foi pioneira en Galicia neste tipo de iniciativas

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, visitou o II Maratón Empresarial Universitario. Campus Enterprise, que o Concello e a Universidade organizan por segundo ano consecutivo no Centro municipal de Empresas e Innovación (CEI).

Nesta edición participan 22 mozas e mozos universitarios entre os que destaca a presenza maioritaria de mulleres -14 do total-. Están divididos en 6 equipos que participarán nunha simulación empresarial na que terán que demostrar as súas capacidades na toma de decisións.

O Concello de Lugo foi pioneiro na posta en marcha deste tipo de iniciativas que se repite este ano. Na súa primeira edición en Galicia o Maratón só se celebrou nesta cidade.

O obxectivo é realizar unha simulación de xestión empresarial a través dun programa informático. Competindo entre equipos de tres ou catro membros, os participantes poderán testar a súa capacidade para xestionar o funcionamento global dunha empresa.

Entre as novidades desta edición, destaca que os equipos xogarán unha primeira fase, e farase unha clasificación por volume de beneficios acumulados. Os 6 equipos pasarán á segunda fase, da que sairá o equipo vencedor.

Todos os participantes na primeira fase terán dereito a un crédito de libre configuración concedido pola USC e outro máis se xogan na segunda. O equipo gañador obterá como premio unha viaxe a Londres que poderá disfrutar no ano 2008.

Este evento ten lugar en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00.

Co fin de facilitar o desenvolvemento do xogo, proporcionouse un manual de xogo aos participantes, un programa de axudas que poden descargar da web, unha liña de consulta telefónica e un foro en Internet para poder resolver dúbidas e plantexar cuestións.

Regras de xogo
Cada un dos equipos participantes asume a dirección dunha empresa que compite contra todas as demais. Os participantes deberán elaborar plans mensuais de xestión, a partir da toma de decisións estratéxicas e operativas nas áreas principais da empresa (marketing, comercial, RR.HH., finanzas, produción e loxística). Cada decisión simula un mes na vida da compañía.

Os resultados de cada empresa non dependen unicamente das súas propias decisións, senón das decisións das competidoras. Por isto, é necesario adaptar continuamente a propia estratexia, en función das expectativas, sobre cales poidan ser as estratexias doutras empresas competidoras.

Para facilitar o proceso de toma de decisións, o simulador ofrece un potente software que permite calcular con moita rapidez diferentes alternativas, antes de adoptar a decisión definitiva (fixación de prezos, carga de máquinas en producción, necesidades de materiais, planes de tesorería, etc.).

O día 14 de marzo publicarase a clasificación dos equipos por resultados. Proclamarase ganador o equipo que obteña os maiores beneficios.

O simulador que se empregará no Maratón Empresarial reproduce a situación dun mercado e das empresas que operan nel, e conta cunha serie de características que aportan un gran realismo ao xogo:

◘ Influencia de variables do contorno económico, que condicionan a evolución da demanda.

◘ Posibilidade de vender en distintos mercados: Unión Europea e EE.UU.

◘ As empresas poderán lanzar novos produtos ou eliminar os existentes.

◘ Acceso a sistemas de información, como estudos de mercado e informes do sector.

◘ Xestión das variables loxísticas e de aprovisionamento: transporte, almacéns, prezo da materia prima…

◘ Oportunidade de investir en bolsa.

◘ Política financeira: dúas moedas (euro/dólar), distintas opcións de financiamento (desconto, préstamo, leasing,…) investimentos financeiros, etc