Cargando....
Concello de Lugo
20/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 2.000 escolares lucenses participan este ano na campaña de promoción do consumo de produtos do mar "Uhmm..... peixe!!"


# Xoves, 21/02/2008
Os alumnos que participan nesta iniciativa pertencen a 17 colexios con comedores xestionados pola Xunta e a sete centros cuxos comedores xestionan o Concello de Lugo e as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos

A Conselleira de Pesca asinou un convenio de colaboración co Alcalde de Lugo para que os comedores que xestiona o municipio lucense tamén se beneficien da campaña.

“Uhmm.....Peixe!!” realizarase entre os períodos de febreiro a maio e de outubro a novembro, datas nas que os comedores escolares permanecen abertos.


Este ano inclúese, como novidade, a realización de obradoiros dirixidos aos pais dos alumnos co fin de conciencialos da importancia que ten o peixe na dieta dos seus fillos.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en colaboración cos departamentos de Educación e Sanidade da Xunta de Galicia, leva a cabo, por terceiro ano consecutivo, a campaña de promoción de consumo de peixe entre os nenos galegos “Uhmm... peixe!!”, na que o apartado lúdico continúa sendo o grande protagonista. O propósito desta iniciativa é fomentar a presencia de produtos do mar na dieta infantil e para tentar aumentar o interese dos máis cativos polos recursos pesqueiros. Para acadar este obxectivo, o departamento que dirixe Carmen Gallego ten deseñado unha serie de medidas destinadas a facilitar o coñecemento e o consumo dos produtos do mar entre a poboación escolar co fin de equilibrar a súa alimentación. O presuposto achegado para levalas a cabo é, este ano, dun total de 152.078,21 euros.

“Uhmm..... Peixe!!” ten como eixo central unha acción práctica que consiste en que todos os alumnos que acostumen a xantar no comedor escolar disfruten dun menú a base de peixe. Esta comida contempla a instalación previa duns paneis (tres grandes posters) que explican as propiedades do peixe, así como o reparto dun díptico a todos os rapaces ao inicio do xantar. Este ano serán 14.000 estudantes de entre 8 e 10 anos (3.000 máis que a edición anterior), pertencentes a 67 colexios de toda Galicia os que se beneficien deste proxecto. Na provincia de Lugo participan nesta iniciativa un total de 2.324 alumnos, pertencentes a 17 colexios con comedores xestionados pola Xunta e sete escolas con comedores xestionados polo Concello de Lugo e as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpas). O departamento de Pesca colabora co municipio lucense a través dun convenio para que os centros de ensinanza da súa competencia se beneficien desta campaña.
Os provedores dos recursos pesqueiros para a realización desta iniciativa son as principais asociacións de armadores de Galicia, produtores e acuicultores, que colaboran no financiamento do produto, contribuíndo de xeito importante ao desenvolvemento e consolidación da campaña. Son ABSA Asociación de Burela S.A., Porto de Celeiro, Asociación de Armadores de Marín, Cooperativa do Mar de Ribeira, Asociación de Armadores de Vigo (Arvi), Asociación de Produtores de Rodaballo (Aroga) e Consello Regulador do Mexillón de Galicia as entidades colaboradoras con “Uhmm.... Peixe!!”. Pola súa banda, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aboa a parte restante dos gastos derivados da compra do peixe e é a responsable de organizar o traslado aos centros educativos do produto debidamente fileteado e desespiñado, para facilitar o labor dos profesionais do comedor.

A campaña busca vincular o feito de comer peixe a algo divertido, saboroso e, por enriba de todo, saudable, para lograr desenvolver actitudes positivas para o seu consumo. Ademais, e dado que os principias motivos do rexeitamento deste produto por parte dos nenos radica nas espiñas, a textura, o aspecto e o sabor, preténdese que os alumnos descubran novos sabores e texturas de peixe que lles permita achegarse ao pracer de comelo; coñezan o lugar onde se atopan as espiñas nas principais especies que consumen, e saiban manexar os instrumentos e técnicas que permiten separalas.

Actuacións formativas

Así mesmo, dentro da campaña “Uhmm.....Peixe!!” e tal e como se fixo o pasado ano, impartirase un Obradoiro de Motivación de Consumo de Peixe en cada un dos colexios participantes para achegar aos escolares o mundo dos produtos pesqueiros. Nestas clases, de dúas horas de duración, dirixidas a nenos/as entre os 8 e os 10 anos de idade e que se dan despois do xantar e fóra do horario escolar, recibirán material didáctico formado por: un libro de receitas especialmente deseñado para os pequenos/as “Receitiñas, receitiñas para a miña barriguiña”, un quebracabezas preparado para que os escolares aprendan o uso da pá de peixe e o garfo, un xogo de cubertos e unha unidade didáctica “Uhmm... peixe!!”, que garda relación co resto de materias do programa escolar.

Os obradoiros, un total de 115 que se realizarán nesta edición, serán impartidos por profesionais da docencia, especialmente preparados para esta acción, que contan coa formación e a experiencia axeitadas. En concreto, na provincia de Lugo, un total de 803 rapaces participarán nestas actividades formativas.

Como novidade este ano ofreceranse ademais 40 obradoiros, dunha hora e media de duración, para os pais dos alumnos das escolas onde se desenvolve a campaña. O obxectivo é concienciar aos proxenitores da importancia que ten o peixe na dieta para o crecemento e desenvolvemento dos seus fillos. Para esta charla aplicarase unha metodoloxía activa e participativa, mediante dinámicas grupais, co fin de conseguir a implicación dos pais.

A mascota Raspiña, a grande estrela da campaña

Para facilitar a aceptación desta campaña entre os nenos deseñouse unha mascota para facer máis divertidas todas as accións desenvolvidas no marco deste proxecto. A Raspiña é un deseño galego que pretende facer do que menos gusta aos rapaces do peixe o máis divertido.

O desenvolvemento deste programa no 2008, que terá lugar nos propios centros educativos, amplíase con respecto á experiencia das edicións anteriores. Nesta ocasión a campaña vaise realizar entre os meses de febreiro a maio e de outubro a novembro, é dicir, datas nas que os comedores escolares permanecen abertos.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova