Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e Caixa Galicia asinan un convenio para financiar a rehabilitación das vivendas do Sagrado Corazón


# Venres, 22/02/2008
O obxectivo é revitalizar o barrio, recuperar a poboación e a boa calidade de vida

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director Territorial de Caixa Galicia en Lugo, Walter Álvarez, asinaron un convenio de colaboración para a financiación aos propietarios de inmobles que soliciten a súa rehabilitación.

López Orozco destacou a importancia deste convenio “para os veciños do Sagrado Corazón. A nosa intención é estender este tipo de rehabilitación, dende o Centro histórico ata os barrios, como se fai neste caso”

En setembro do ano pasado o Alcalde xa anunciou que se estaba negociando con diversas entidades bancarias un convenio para que os veciños do Sagrado Corazón que o desexen poidan acollerse a uns plans de financiación cuns xuros e prazos especiais.

Este convenio é o resultado desas negociacións e encádrase nos plans de recuperación de vivendas e edificacións catalogadas, especialmente no barrio de Sagrado Corazón.

O obxectivo é rehabilitar o barrio, revitalizalo, recuperar poboación e a boa calidade de vida. Coa sinatura do convenio o Alcalde cumpre o seu compromiso cos veciños de subvencionar ata o 80% do orzamento das obras a realizar. Para o 20% restante –que correrá a cargo dos veciños- asínase hoxe este convenio para que sexa ao mínimo interese posible e que mesmo podan recibir créditos ata que non perciban as subvencións do Ministerio de Vivenda e da Consellería.

Sagrado Corazón
O polígono do Sagrado Corazón, tal e como explicou López Orozco, edificouse na segunda metade do século XX, respondendo a un problema severo de falta de vivenda naquel momento. Foi promovido pola antiga Caja de Ahorros da Coruña e Lugo e proxectado por un arquitecto de recoñecido prestixio: Efrén García Fernández.

A súa construción comezou no 1967. Conta, a día de hoxe, con 25 edificios de uso residencial con 340 vivendas e 569 veciños, á marxe das construcións dotacionais. O 92% dos edificios teñen unha antigüidade superior aos 30 anos, sen embargo, a calidade das construcións é boa, polo que a rehabilitación integral será conservadora.

As principais características socioeconómicas do barrio, segundo o amplo estudo elaborado pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo, son: poboación moi envellecida–maioritariamente feminina- e en descenso, nivel de ingresos medio-baixo, un gran arraigo dos veciños co seu barrio (case a metade leva máis de 30 anos vivindo nel e o 99% quere permanecer alí) e unha valoración positiva cara a rehabilitación do mesmo. O Alcalde salientou que se están a dar “todos os pasos para que os veciños desta zona vexan realizados os seu soños”.

As principais actuacións desta ambiciosa rehabilitación impulsada dende o Concello de Lugo son:

1.- Colocación de 23 ascensores no exterior dos edificios que comunicarán coas plantas a través de pasarelas. Serán básicos para unha poboación envellecida, cunha considerable taxa de persoas discapacitadas e terán unha estética innovadora.

2.- Creación de dous ascensores públicos que comunicarán o barrio coa cidade. Estarán en Carlos Azcárraga e na rúa Fontaneira (onde existen dúas escaleiras con case 50 escalóns cada unha).

3.- Pintura, limpeza e reparación de fachadas.

4.- Reparación de todas as cubertas e eliminación das actuais uralitas. As cubertas estarán preparadas para ser accesibles, poder acoller paneis solares –como indica o Código Técnico de Edificios- ou ser tendedeiros.

5.- Reposición de instalacións comunitarias hoxe obsoletas ou en mal estado.

O proxecto do Concello para declarar o barrio do Sagrado Corazón como Área de Rehabilitación Integral foi aceptado polo Ministerio e a Consellería de Vivenda no mes de xullo do ano pasado, posteriormente a Consellería concedeu actuacións de rehabilitación en 250 vivendas do barrio o que supón que, cando se abra o prazo de solicitudes, o 70% das peticións serán atendidas.

O importe da subvención por vivenda é de 11.250 euros dos que 9.000 son aportados polas administracións.

Condicións do préstamo
Coa sinatura deste Convenio, Caixa Galicia comprométese á creación dunhas liñas de préstamos especiais para os veciños:

PRÉSTAMO CON GARANTÍA HIPOTECARIA:

- Importe: Ata o 80% do valor de taxación do inmoble ou o 100% do presuposto de rehabilitación. Máximo 70.000 euros.
- Prazo: Ata 20 anos. Idade máxima recomendada do solicitante 55 anos.
- Interés: Variable anualmente. Tipo inicial Euribor ano (“Referencia interbancaria a un ano” publicado o mes anterior á formalización no B.O.E. A ista referencia sumaráselle o marxe indicado en puntos porcentuais.) +0,25 e seguintes. Euribor ano (“Referencia interbancaria a un ano”, publicada antes do día 1 do último mes do periodo de interés anterior no B.O.E. A ista referencia sumaráselle a marxe indicada en puntos porcentuais)+0,25%
- Comisións:
-- Apertura 0%
-- Estudo 0%
-- Amortización Anticipada 0%
-- Cancelación Anticipada 0%
-- Modificación Contractual 0,50%
-- Recl amación Posc. Débeda 18,03 euros.

-Estudarase singularmente a subrogación a herdeiros nesta tipoloxía de préstamos.

PRÉSTAMO PERSOAL:
- Importe: Ata o 100% do orzamento. Se se usa como préstamo ponte, máximo 70.000 euros.
- Prazo: Ata 8 anos. (incluído unha carencia máxima de 2 anos)
- Interés: Variable anualmente. Tipo inicial 5,50% seguintes. Euribor ano (“Referencia interbancaria a un ano”, publicada antes do día 1 do último mes do periodo de interés anterior no B.O.E. A ista referencia sumaráselle a marxe indicada en puntos porcentuais)+1,00%
- Comisións:
-- Apertura 0´75%
-- Estudo 0%
-- Amortización Anticipada 0%
-- Cancelación Anticipada 0%
-- Modificación Contractual 0,50%
-- Reclamación Posc. Deuda 18,03 euros.

CONTA CORRENTE DE CRÉDITO- ANTICIPO DE SUBVENCIÓNS

-Importe: Ata o 100% da subvención concedida.
- Prazo: Ata a recepción da subvención. Máximo un ano.
- Interés: Variable trimestralmente. Tipo inicial 5,50% primeiro trimestre seguintes. Euribor ano (“Referencia interbancaria a un ano” publicado o mes anterior á formalización no B.O.E. A ista referencia sumaráselle o marxe indicado en puntos porcentuais.) +1,25
- Comisións:
-- Apertura 0´25%
-- Estudo 0%
-- Amortización Anticipada 0%
-- Cancelación Anticipada 0%
-- Modificación Contractual 0,50%
-- Reclamación Posc. Deuda 18,03 euros.

-Estudarase singularmente a subrogación a herdeiros nesta tipoloxía de préstamos.

Este Convenio afectará a todo o proxecto de rehabilitación integral do barrio do Sagrado Corazón, que supón o 100% das actuacións a realizar. En menos dun mes aprobaranse as bases definitivas para solicitar as axudas e toda a información sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova