Imprimir

MULLERES EMPRESARIAS ANALIZAN A SITUACIÓN DO EMPREGO NO ÁMBITO RURAL E AS POSIBILIDADES DE RECICLAXE PROFESIONAL


26/2/2008 O Alcalde de Lugo clausurou xunto ao Conselleiro de Traballo esta xornada celebrada no Gran Hotel de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, clausurou xunto ao Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, a xornada titulada “A reciclaxe profesional das mulleres no ámbito rural galego” que se celebrou no Gran Hotel durante a mañá deste martes, 26 de febreiro.

López Orozco destacou que “este tipo de xornadas son unha aposta imprescindible por promocionar a formación e a especialización das mulleres traballadoras e empresarias, pois é un feito fundamental para competir no mercado laboral e abrir novas perspectivas no seu traballo”. O mandatario municipal manifestou que “para conquistar a plena igualdade entre os sexos é necesario que os homes rompamos definitivamente coa educación machista herdada e que durante tanto tempo favoreceunos, pois estamos nun momento histórico no que o home ten que loitar ao lado da muller para acadar unha sociedade apoiada nos principios de igualdade”.

Esta iniciativa, organizada conxuntamente pola Consellería de Traballo e a Federación de Mulleres Empresarias de Galicia, reuniu a numerosas mulleres empresarias e traballadoras do ámbito rural da provincia e serviu para constituir un foro de intercambio de experiencias e para por en común as principais necesidades ás que teñen que facer fronte.

Pola súa banda, o Conselleiro de Traballo aproveitou a ocasión para anunciar esta mañá a posta en marcha do Programa Agromar para fomentar o emprendemento e a economía social entre as mulleres de Galicia. Explicou que a través do Programa Agromar máis de 40.000 mulleres se beneficiarán desta acción, que contará cun orzamento de 18 millóns de euros en 2008.

Cómpre sinalar que esta iniciativa de impulso ao emprendemento forma parte dun programa integral de carácter transversal pola igualdade laboral que beneficiará a máis de 150.000 mulleres galegas. Trátase do Plan Aurora de Emprego Feminino, que contará cun orzamento de 190 millóns de euros neste ano.

Segundo definiu Varela o Plan Aurora representa unha estratexia integrada do conxunto das políticas da Consellería de Traballo para avanzar na procura da igualdade laboral entre homes e mulleres. Destacou que a Consellería de Traballo baséase en dúas ferramentas clave para dar cumprimento ao principio de igualdade efectiva: a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia e as medidas concretas pactadas cos axentes económicos e sociais no Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia. Acordo polo Emprego.

A xornada, que abre un ciclo de conferencias que se celebrarán en cada unha das provincias galegas, foi inaugurada ás 9:30 horas pola Concelleira de Traballo, Sonia Méndez, o Delegado Provincial de Traballo, Miguel Vázquez Calvo, e a Presidenta da Fega, Rosa Rois.

Tanto Sonia Méndez, como Vázquez Calvo, coincidiron en salientar que nos últimos catro anos desenvolvéronse importantes políticas de fomento da igualdade entre sexos e de promoción do emprego feminino. Ambos destacaron o papel que a Lei de Igualdade ou a normativa autonómica da Lei do Traballo en Igualdade desempeñan na defensa dos dereitos da muller.

O Xefe da Sección do Instituto Galego de Cualificacións pertencente á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, Sergio Cantalejo, foi o responsable de abrir as sesións de poñencias coa charla titulada “A importancia da formación na reciclaxe profesional no medio rural”. A continuación, celebrouse unha mesa redonda sobre “A reciclaxe das mulleres empresarias” na que participaron sete mulleres empresarias que puxeron en marcha distintos negocios vinculados ao sector agrario, como a cunicultura, a elaboración de produtos delicatessen ou bodegas de viño, que exemplifican as posibilidades de crecemento económico e laboral que están a protagonizar as mulleres no ámbito rural.