O Cetal pecha as súas xornadas divulgativas coa presenza de prestixiosos expertos do sector da agroalimentación
# Luns, 03/03/2008
O Alcalde presentou a última xornada que terá lugar o martes 4 de marzo na Fundación Caixa Galicia
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou a xornada que pecha un ciclo de relatorios organizado polo Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, CETAL. Na presentación estivo acompañado pola responsable técnica do Centro, Mercedes Corral.
Esta última cita, dirixida a profesionais do sector agroalimentario, tratará sobre as estratexias de revalorización de residuos e subproductos da agroalimentación.
O Alcalde amosou a súa satisfacción porque “Lugo acolla a profesionais de tan alto prestixio como os que estarán en Lugo”. Suliñou que isto é unha mostra “de que o CETAL está vivo e en marcha”.
A finalidade desta xornada é doble, por unha parte preténdese debater e integrar opinións, experiencias e propostas en relación co tema que da título ao relatorio, e en segundo lugar, aplicar un modelo de traballo posible para o CETAL, como organismo impulsor da incorporación de melloras e solucións tecnolóxicas destinadas á potenciación da competitividade das empresas.
Participarán un amplo colectivo de directivos, técnicos e expertos, pertencentes ás máis importantes empresas de Galicia e representantes das súas principais asociacións e institucións, que explicarán as súas experiencias.
O Alcalde e a Directora Xeral de Alimentación, Almudena Rodríguez, serán os encargados da apertura da xornada que terá lugar no Salón de actos da Fundación Caixa Galicia .
Posteriormente, o catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Lema, explicará a valorización enerxética dos residuos e subprodutos agroalimentarios e a continuación presentarase outra conferencia sobre os subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano –SANDACH- e os seus usos.
Tamén se levarán a cabo dúas mesas redondas, unha na que os participantes abordarán, desde un punto de vista sectorial as oportunidades de valorización dos residuos agroalimentarios e outra na que se contemplará de forma horizontal e global o problema de valorización de residuos desde institucións e entidades.
No acto de clausura, que está previsto que comece ás 19:00 horas, participarán o Alcalde lucense e o Secretario Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, Xurxo Santiso Blanco.
Será unha xornada de reflexión na que máis de vinte especialistas explicarán a súa visión particular do complexo entramado dos residuos e subprodutos agroalimentarios, plantexando en cada caso propostas de actuación, especialmente as baseadas en iniciativas de I+D+i. Aportarán tamén suxerencias de posibles necesidades de apoios a recibir dende o CETAL.
Xuntanza do PadroadoParalelamente ás xornadas haberá unha nova xuntanza do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, na que se continuará, e previsiblemente se rematará, coas entrevistas dos candidatos ao posto de Director Xeral da Fundación.
López Orozco suliñou que “será o Padroado no seu conxunto, quen elixa ao novo Director. Aí é onde se toman as decisións do Cetal”.
Compartir: