Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Deputación e Concello de Lugo colaboran para construir un dos accesos ao parque de Paradai


# Xoves, 06/03/2008
Gómez Besteiro e López Orozco visitaron a futura rúa Pedáneo Xoán Diego que ten un orzamento de 1.809.563 euros

O Presidente provincial destacou que a construción do vial é un exemplo de colaboración entre administracións

O Alcalde anunciou que na urbanización de Paradai o Concello fará vivendas en aluguer con dereito a compra


A Deputación, en colaboración co Concello de Lugo, construirá a rúa Pedáneo Xoán Diego que da acceso ó parque de Paradai. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, desprazáronse este xoves ata a zona para coñecer de pimeira man a actuación que o organismo provincial vai acometer nos vindeiros días.

A futura rúa ten un orzamento de 1.809.563 euros e un prazo de execución de 12 meses. Gómez Besteiro destacou que esta infraestrutura é un exemplo da colaboración que debe existir entre adminitracións. “Só a través da suma de esforzos e da colaboración se poden facer boas cousas que beneficien ós veciños”.

O titular do organismo provincial e o rexedor estiveron acompañados do Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial, Daniel Núñez Segade, de responsables municipais, técnicos provinciais e de distintos responsables da empresa adxudicataria da obra. José Ramón Gómez Besteiro subraiou que esta obra “permite salvar a barreira do ferrocarril e deixar ó marxe o illamento de zonas como a de Paradai ou As Gándaras”.

A construción da rúa Pedáneo Xoán Diego é a terceira obra do Plan Paradai que acomete a Deputación. As dúas anteriores foron a construción da Ponte Romai, con enlaces na Segunda Ronda e a Rotonda da Rocha, e a prolongación da Avenida Duquesa de Lugo. O máximo mandatario provincial subliñou que esta infraestrutura “terá unha visión moi próxima ó parque periurbano. Trátase dunha vía moderna que vai comunicar a zona de Paradai dun xeito diferente permitindo que esta parte da cidade deixe de estar illada e pase a situarse case no centro de Lugo”.

Pola marxe dereita, ó longo de 500 metros colinda co parque fluvial de Paradai e, polo esquerdo, coa Duquesa de Lugo. Ten unha lonxitude de 750 metros e 16 de ancho. O proxecto contempla a construción de dous carrís de circulación, beirarrúas, parterres e aparacadoiros en liña de dous metros. Nestes momentos, o organismo provincial está cos traballos previos de replanteo para nos vindeiros días dar paso ás obras con máquinas.

Pola súa banda, o Alcalde de Lugo sinalou que o vial “vai colaborar a que a circulación por esta zona mellore ó 100%”. López Orozco destacou que este traballo conxunto entre Concello e Deputación, é “o máis bonito exemplo que se pode presentar nunha cidade. Froito da colaboración as cidades medran. A colaboración coa Deputación vese en Lugo hoxe nesta obra da rúa Xoan Diego que pertence ao Plan Paradai e que vai permitir unha mellora moi importante nesta zona”.

Vivendas de aluguer con opción de compra
O Alcalde anunciou que o 10% dos aproveitamentos urbanísticos que corresponden ao Concello destinaranse a facer vivendas de aluguer con opción de compra. “É unha decisión que irá a un próximo Consello de Administración de Evislusa porque é unha necesidade detectada na cidade”.

O mandatario lucense suliñou que “Lugo con esto gana, e os veciños da zona que terán máis oportunidades para desenvolver os seus terreos”.

Neste momento a Empresa Municipal de Vivenda e Solo -Evislusa- está a desenvolver 5 polígonos dos 6 que hai. Urbanizará unha zona moi ampla e posibilitará a construción de 415 novas vivendas.

López Orozco lembrou que a urbanización de Paradai, permitirá a creación dun modelo urbano que da prioridade aos espazos públicos, ao peón fronte ao automóbil e á busca de calidade de vida fronte ao aproveitamento urbanístico…

A superficie total dos polígonos 1 ao 6 -un deles é xestionado pola Consellería de Política Territorial- é de 41.500 metros cadrados. Contará con 9.700 m2 de zonas verdes que aparecen como eixos vertebradores da vida social, con 3.600 m2 de rúas peonís que se entremezclan con zonas infantís e pequenas prazas.

A circulación de vehículos alleos aos polígonos queda limitada aos sistemas xerais vinculados. Deste modo, queda restrinxido o tráfico rodado interior de forma moi sustancial, potenciando un equilibrio de usos interiores e un urbanismo sostible.

As vivendas, serán todas exteriores e, na súa maioría, gozarán de vistas, tanto a Duquesa de Lugo, como ás zonas verdes.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova