Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Xuventude pon en marcha unha intensa programación de actividades de lecer e formativas para os mozos


# Xoves, 06/03/2008
Ofrece cursos de monitor de tempo libre e de linguaxe de signos, unha excursión ao circuíto de Montmeló e un campionato de scalextric

A Concellería de Xuventude presenta a programación de actividades para a mocidade lucense de cara aos vindeiros meses. Este programa pretende proporcionar á xuventude lucense unha serie de actividades coas que ocupar o tempo de lecer dun xeito saudable e poder compaxinalo cunha formación útil para incorporarse ao mercado laboral.

Dunha banda, a concellería organiza dúas actividades deportivas e de lecer:

A primeira delas é a ”Viaxe ao Gran Premio de España de Fórmula 1”, xa que a Fórmula 1 é un deporte que conta cada vez con máis afeccionados entre a mocidade de Lugo.

Con motivo de que o vindeiro 27 de abril o circuíto de Montmeló acollerá a proba nacional máis importante deste deporte, dende a Concellería de Xuventude ofrecerá aos mozos e mozas a oportunidade de gozar dun evento desta magnitude en primeira fila.

O prazo para inscribirse permanecerá aberto dende o 7 de marzo ata o 7 de abril. As persoas de entre 18 e 35 anos de idade que o desexen poderán apuntarse a unha das 50 prazas desta viaxe que lles permitirá asistir tanto aos adestramentos como ao Gran Premio, que se desenvolverá entre o 24 e o 27 de abril.

Para aquelas persoas que prefiran gozar da velocidade dun xeito diferente, a Concellería de Xuventude ten previsto realizar en colaboración co “Clube Slot Lucus” o “I Campionato de velocidade cidade de Lugo”, composto por unha serie de probas de scalextric que se desenvolverán nas seguintes datas: 8 de marzo e 12 de abril no Centro Social da Milagrosa da Milagrosa (Frigsa) e 24 de maio e 21 de xuño nun espazo por determinar.

Para estas catro competicións montarase unha espectacular pista, segundo as características e parámetros establecidos para ditos encontros. Ademais montaranse pistas auxiliares para que todas as persoas que se acheguen ao Centro Social da Milagrosa neses días poidan probar e practicar esta disciplina.

Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente, só ter ganas de probar o teu propio coche ou un dos que estarán á túa disposición nunha pista sorprendente e chea de intricadas curvas.

Polo que respecta ás accións formativas, a Concellería de Xuventude organiza un ano máis os cursos de Linguaxe de Signos e de Monitor de Tempo Libre. Estas actividades están orientadas a ofrecer unha formación práctica e útil para incorporarse ao mercado laboral. Por este motivo, dende o Servizo de Xuventude do Concello propóñense os seguintes cursos, todos eles gratuítos:

1. Cursos de Linguaxe de Signos

Están divididos en dous niveis, un de iniciación e outro de nivel intermedio, cunha duración de 140 horas cada un deles. O prazo de inscrición permanecerá aberto dende este xoves, 6 de marzo, ata o vindeiro 14 de marzo e cada curso ofrece quince prazas.

Contando con 15 prazas dispoñíbeis en cada un dos niveis, o prazo de inscrición rematará o 14 de marzo.

2. Cursos de Monitor ou Monitora de Tempo Libre

Como en anos anteriores estes cursos organizaranse en dúas quendas: unha intensiva, durante as fins de semana, e outra a desenvolver en clases ao longo da semana, para poder compaxinar a asistencia ao curso cos traballos e as clases.

Estes cursos terán unha duración de 350 horas, das que 200 son teóricas e 150 prácticas, e servirán para obter o Título Oficial de Monitor/a de Tempo Libre expedido pola Xunta de Galicia. En cada curso ofrécense con 25 prazas dispoñibles, destinadas a mozos e mozas entre os 18 e os 30 anos.

O prazo de inscrición remata tamén neste caso o 14 de marzo ás 19:00 horas.

Os interesados en inscribirse nestas actividades poden formalizar as inscricións na Oficina de Información á Xuventude situada no Centro Social Uxío Novoneyra no 3º andar.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova