Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo recibe ao Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia


# Venres, 07/03/2008
O Pacto Territorial de Emprego e o Diálogo social foron algúns dos temas tratados nesta primeira xuntanza

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello a primeira visita institucional do Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla Ramil.

López Orozco aproveitou o acto para apostar publicamente de novo polo mantemento do diálogo social, que debe adaptarse ás realidades e situacións que vive a economía e o mercado de traballo: “temos que lograr a creación de máis traballo e en mellores condicións”.

O Alcalde lucense explicou que neste momento “estamos na mellor das disposicións para colaborar cos empresarios, co fin de que sigan medrando. Dese xeito garantimos que aumenta o número de traballadores e a competitividade da nosa cidade”.

López Orozco sinalou que é fundamental o apoio aos emprendedores e a chegada de novos empresarios á cidade: “Queremos que sigan investindo en Lugo, se atopa empresarios de fóra que queiran vir a Lugo, serán recibidos cos brazos abertos”.

O presidente da CEG tamén se referiu a esta necesidade de diálogo entre as administracións e os axentes sociais, “políticos como vostede son os que poñen as medidas para que se desenvolvan as industrias e Lugo sexa un lugar atractivo para traballar, e así se consiga ese reequilibrio necesario que demandamos”.

O emprego feminino, tamén foi un dos temas tratados nesta primeira visita institucional. López Orozco destacou o dato positivo de que aumenta o número de mulleres empresarias. O Concello de Lugo leva anos loitando pola igualdade de mulleres e homes en todos os ámbitos, favorecendo o acceso e permanencia das mulleres no mercado de traballo, así como colaborando na conciliación do traballo e as necesidades familiares.

López Orozco non quixo esquecer aos empresarios do mundo rural, “os gandeiros lucenses están modernizando as súas estruturas, actualmente son verdadeiros empresarios, e estamos chegando a un punto do desenvolvemento que nos convén a todos”.

Tamén se referiu á mocidade, que é o colectivo con maiores carencias cando se incorpora á actividade produtiva. A formación é polo tanto básica para os responsables municipais.

Fontenla destacou que o emprego en Galicia neste momento “está resisitindo mellor que noutras partes, nunca tivemos unhas cifras de paro históricas tan boas como as de agora e iso débese a unha política de colaboración entre os axentes sociais e as administracións”.

Tanto a CEG coma o Concello de Lugo forman parte do Pacto Territorial para o Emprego asinado coa Consellería de Traballo. López Orozco suliñou que “ese é o camiño de colaboración, de coordenación para lograr que Galicia e Lugo se desenvolvan”.

Este Pacto supón un incremento e unha planificación e xestión coordenada dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona. En Lugo actuará sobre unha poboación dunhas 220.000 persoas, con 89.000 traballadores e traballadoras e menos de 10.000 parados.

As infraestruturas e as comunicacións tamén estiveron presentes na reunión mantida entre o Alcalde e o Presidente da CEG.

Finalmente, o representante dos empresarios de Galicia agradeceu o apoio do Concello “Sempre que tivemos algún problema me encontrei respaldado polo Alcalde de Lugo e teño que agradecelo”.

O acto rematou coa sinatura no libro de ouro do Concello e un intercambio de agasallos. O Alcalde fíxolle entrega dunha maqueta da cidade e o Presidente da Confederación dunha escultura que representa o logotipo da súa institución.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova