Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo Cultural inaugura na Facultade de Humanidades o seu Curso de Primavera dedicado ao continente americano


# Martes, 11/03/2008
O acto de apertura contou coa presencia das autoridades que conforman o Convenio

O vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, inaugurou este martes na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo a cuarta edición do Curso de Primavera ‘América, Américas’, na que participan un total de 200 persoas e que se prolongará ata o día 13. Esta actividade formativa está organizada dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, polo que no acto de inauguración estiveron representantes das outras entidades que o conforman, como o alcalde de Lugo, José López Orozco; o delegado de Cultura da Xunta de Galicia, Xoán Xosé Molina; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao, e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

O curso, que é gratuíto e consta de 30 horas, está recoñecido con un crédito de libre configuración polas facultades de Humanidades, Administración e Dirección de Empresas e a Escola de Formación do Profesorado. No transcurso do mesmo ofreceuse unha visión moi plural do que é o continente americano nos aspectos literarios, lingüísticos e antropolóxicos. A colonización do continente engadiulle diversidade lingüística europea a este continente, conformando un mosaico que se mantén na actualidade e no que destaca o papel desenvolvido por unha gran parte dos galegos.

A conferencia inaugural estivo a cargo de Constante González, profesor da Facultade de Filoloxía Inglesa de Santiago de Compostela, e un dos máis recoñecidos especialistas en estudos norteamericanos. O relatorio leva por título “O que o vento non se levou: muller, sexualidade e raza no Sur dos EE.UU.”

O horario do curso será de 10:00 a 21:00 horas cunha sucesión de relatorios de distintos especialistas das Universidades da Coruña e Santiago. A primeira xornada estará máis definida no tratamento da simboloxía de Perú e Cuba mentres que no resto dos días se tratarán temas xenéricos, dentro do aspecto literario, lingüístico, histórico e social.

O feminismo, a globalización, a economía ou a emigración son algúns dos temas transversais deste curso, que rematará o día 13 cun recital poético a cargo de Claudio Rodríguez Fer co título ‘Poeta galego en Nova York’.

O vicerreitor destacou durante a inauguración o importante que é o respaldo do Convenio Lugo Cultural para “pór en marcha esta iniciativa ano a ano”. Engadiu tamén que a esta cita cultural “xa lle queda pequeno o nome de curso, porque é xa “ importante foro de debate e de coñecementos”.

“A relación que ten América con nós e a que temos nós con América” quedará de manifesto tras estes días de Curso e nos dará unha visión global de ese continente tan plural”, dixo.

Finalizou a súa intervención destacando o traballo realizado polos organizadores e felicitándoos porque este curso amosa “que a Facultade conta cun elenco importante que lle permite facer fronte a estes restos culturais que subliñan a capacidade que ten o campus de Lugo”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova