Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Mesa Local de Comercio acorda solicitar novas axudas autonómicas para mellorar e activar o comercio lucense


# Martes, 11/03/2008
A Concelleira de Economía e Emprego reuniu aos integrantes para que coñezan as alternativas

As axudas destinaranse ao arranxo de rúas, promoción da Praza de Abastos e do asociacionismo e a posta en marcha dun Observatorio local do Comercio

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez mantivo unha nova xuntanza cos integrantes da Mesa Local de Comercio constituida o pasado 18 de xaneiro logo dun compromiso acadado polo propio Alcalde de Lugo.

As xuntanzas ordinarias deste órgano local serán cada tres meses pero esta reunión extraordinaria foi convocada polo Concello para explicar as subvencións que a Xunta de Galicia pon a disposición das entidades locais, e para decidir en conxunto aquelas que poden resultar máis beneficiosas para o comercio da cidade.

A Mesa, como explicou a Concelleira de Economía e Emprego, ten como obxectivo último “o impulso económico da cidade xa que o comercio e o turismo son piares fundamentais da nosa economía”.

Na xuntanza chegouse a varios acordos grazas ao que Sonia Méndez definiu como “unha colaboración excepcional de todos os integrantes que fixeron as súas particulares suxestións para solicitar as axudas”.

Acometeranse tres liñas de actuación, unha dirixida a obras e infraestruturas a realizar por parte da Concellería de Infraestruturas, outra á dinamización da Praza de Abastos, que dependerá de Servizos Xerais e outra que levará a cabo Economía e Emprego e que incluirá a posta en marcha dun Observatorio local do Comercio.


Lugo terá un Observatorio Local do Comercio
A Mesa local acordou a solicitude de axudas para a realización de obras en diversas rúas da cidade por máis de 300.000 euros, que se solicitarán á Consellería de Innovación e Industria. A mellora da iluminación, do mobiliario urbano, do pavimento, forma parte da imaxe estética que a cidade ofrece aos potenciais clientes que se achegan ata aquí, por iso as infraestruturas están incluídas nesta mesa.

Con estas novas subvencións faranse obras en cinco rúas: San Froilán, Raíña, Nova, Coronel Teijeiro e Armañá. A Concelleira suliñou que “deste xeito se completan as xa iniciadas a través desta liña de axudas”. Tamén explicou que a Mesa decidiu, a suxerencia da Federación de Comercio, acometer obras posteriormente en rúas comerciais fóra do Centro histórico”.

Outra das liñas tratadas nesta reunión foi a relacionada coas axudas para a Praza e o Mercado de Abastos. Coa xestión da Concellería de Servizos Xerais, Sonia Méndez, anunciou que o Concello continuará profundizando na promoción e sobre todo no fomento do asociacionismo, no impulso da súa asociación, e no fomento de accións de promoción conxunta entre os comerciantes da praza.

No ámbito da Economía e o Emprego acordouse a solicitude dunha subvención para a posta en marcha dun Observatorio Local do Comercio. Este ano implantaríase e os vindeiros anos o Concello levaría o mantemento e a súa actualización. Segundo explicou a responsable municipal, “os estudos que se levan a cabo quedan rapidamente obsoletos ao ser un sector moi dinámico. Este observatorio levará a cabo estudos permanentes que permitirán que a información sempre esté actualizada”.

Esta Mesa está integrada polo Concello de Lugo, a Federación Galega de Comercio, a Asociación Provincial de Hostalería e a Dirección Xeral de Comercio.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova