Cargando....
Concello de Lugo
22/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Muller e Benestar Social participará nunha reunión en Braga cos socios do proxecto europeo "Senior Tics"


# Martes, 11/03/2008
Os días 12 e 13 de marzo manterá xuntanzas na cidade lusa con representantes de Braga, Francia e Grecia

Porán en común os plans de desenvolvemento deste proxecto europeo

Carmen Basadre convidará á Cámara Municipal de Braga a colaborar no Arde Lucus


A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, viaxa este mércores á cidade lusa de Braga para reunirse cos socios do proxecto europeo “Senior Tics”, que lidera o Concello de Lugo, e no que participan a Cámara Municipal de Braga (Portugal), un centro de formación para adultos de Francia e unha empresa de novas tecnoloxías de Grecia.

Durante os días 12 e 13 de marzo, a edil lucense manterá varias xuntanzas co resto dos representantes para por en común as liñas de desenvolvemento deste programa innovador que quere achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía, especialmente ás persoas maiores de 65 anos de idade. Está integrado na actuación Grundtvig, pertencente ao Programa de Formación ao Longo de toda a Vida e contar cun orzamento de máis de 299.000 euros, dos que Lugo recibe 133.132 euros por ser o promotor do proxecto.

Esta proposta persegue incrementar as posibilidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida para a xente maior, facendo fincapé nas súas necesidades de achegamento ao campo das novas tecnoloxías, do cal as persoas maiores son tradicionalmente excluídas.

O curso comezará o vindeiro 25 marzo e terá unha duración de 18 meses nos que se desenvolverán as distintas actividades formativas incluidas no programa como son as clases teóricas e prácticas de informática básica, navegar por Internet e creación de blogs; saídas pola cidade para realizar reportaxes fotográficas con cámaras dixitais e unha excursión a Braga.

O curso desenvolverase no Centro de Empresas e Innovación, que cumpre así coa súa función de abrirse a todos os sectores da poboación lucense e de ofrecer uns servizos de formación en novas tecnoloxías.

O que se pretende con este proxecto é fomentar a súa motivación ofrecéndolles as ferramentas necesarias e desenvolvendo unha metodoloxía adaptada á súa idade, que será impartida por monitores con experiencia.

O proxecto ten polo tanto tres obxectivos principais:

-Animar á adquisición de capacidades básicas en novas tecnoloxías para a xente maior.

-Pensar a nivel europeo, sobre novas metodoloxías e o seu potencial para mellorar a maneira na que a xente maior aprende e pasa o seu tempo libre.

-Animar o diálogo inter-xeracional e recuperar a Memoria Histórica.

O coñecemento e competencias adquiridas pola xente maior serán reforzados con actividades de dinamización, entre as que se atopan: a creación de blogs persoais, a gravación de vídeos sobre memoria histórica ou a realización dun álbum dixital de fotos antigas e actuais da localidade.

Doutra banda, a proposta presenta un lado interxeracional importante, deseñado para facilitar a solidariedade e a comunicación entre a xente nova e maior, nun contorno educativo non formal, onde haberá unha importante retroalimentación entre os dous grupos. Así prevese tamén a realización de encontros entre os maiores e os mozos de centros escolares da localidade onde se comentarán fitos da nosa historia vividos polos nosos maiores, e se realizarán outras actividades conxuntas.

O intercambio de experiencias tamén será unha parte esencial deste programa. Os participantes de Lugo contactarán cos integrantes dos grupos de fóra para facilitarse entre eles información sobre as actividades e boas prácticas do proxecto, a través dun Foro Web.

O proxecto rematará coa elaboración dun dvd recopilatorio multilingüe que recolla as actividades postas en marcha no Senior Tics, haberá un Seminario internacional no que participarán os socios do proxecto para avaliar os resultados obtidos e un concuso internacional de fotografía.

Con relación ao impacto, a proposta está deseñada para traballar con xente maior que nunca usou un ordenador ou dispositivos tecnolóxicos.

Proposta de colaboración no Arde Lucus
A Concelleira de Muller e Benestar Social aproveitará a viaxe para reunirse coa edil de cultura da Cámara Municipal de Braga, Ilda de Fátima Gomes Esteves Carneiro, para presentarlle unha proposta do Alcalde de Lugo para establecer un marco de cooperación entre ambas ciudades para organizar as festas de Arde Lucus.

No municipio de Braga celebrase unhas festas cunhas características moi similares ás de Arde Lucus que tratan de recuperar o pasado romano da cidade, especialmente as tradicións festivas e de lecer daquela época.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova