Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

María José Caride e os alcalde das sete cidades de Galicia analizan a implantación de consorcios de transporte nas áreas metropolitanas


# Mércores, 12/03/2008


A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e mailos alcaldes da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo para analizar o contido do anteproxecto de lei de Fomento do Transporte Público de Viaxeiros de Galicia, que está a elaborar a CPTOPT. Esta xuntanza ten por obxecto profundizar na coordinación coas principais cidades e recabar as propostas e o apoio dos respectivos mandatarios co fin de "resolver os problemas de conxestión nas áreas urbanas e apostar pola mobilidade sostible", segundo asegurou María José Caride ao remate da mesma.

Un dos principais asuntos abordados foi creación dos Consorcios Metropolitanos de Transporte, unha figura prevista no futuro texto lexislativo. Segundo sinalou a conselleira, os consorcios serán o instrumento fundamental para establecer tarifas zonais iguais para todos e que os cidadáns non teñan que pagar ningunha penalización por facer transbordos de transporte dentro da área física establecida ao redor de cada unha das cidades.

A conselleira de Política Territorial fixo especial fincapé en que as actuacións previstas polo seu departamento suporán "un salto substancial" para instaurar tarifas homoxéneas e estender o transporte metropolitano a todas as cidades (a día de hoxe está en funcionamento nas áreas de Coruña, Santiago e Ferrol). Neste senso, María José Caride expresou que se está traballando na fixación de paradas e intercambiadores céntricos nas áreas de Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo, de xeito que este mesmo ano xa incorporen as tarifas zonais.

Trala reunión, a conselleira expresou a súa satisfacción polo interese amosado polos alcaldes e a súa disposición a colaborar na implantación dun transporte público de calidade. Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Javier Losada -que actuou como voceiro dos mandatarios municipais- sinalou que a futura lei de Transporte Público de Viaxeiros "atende a problemas reais das persoas e dos concellos" xa que a medio e longo prazo "vai mellorar a mobilidade, atallar a conxestión nos contornos urbanos e atallar o cambio climático".

A futura Lei de Transporte de Viaixeiros configúrase como o instrumento lexislativo que definirá, planificará e acometerá a renovación integral do sistema público de transportes na Comunidade Autónoma para facelo competitivo. O texto recolle a ordenación, planificación e intermodalidade do transporte na totalidade do ámbito autonómico e senta as bases para a coordinación entre as distintas Administracións co obxecto de crear un sistema de transporte público que se converta nunha alternativa real ao transporte .


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova