Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Continúa o ciclo de cine xuvenil sobre "Muller e Interculturalidade" co filme "As mulleres de verdade teñen curvas"


# Xoves, 13/03/2008
Todos os venres ás 22:00 horas, ata o 27 de xuño, proxectarase unha película no CSM Uxío Novoneyra

Este venres, 14 de marzo, continúa o ciclo de cine xuvenil “Muller e interculturalidade” organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias para ofrecer á xuventude lucense unha actividade de lecer alternativa e gratuíta. Todos os venres, ata o 27 de xuño, proxectarase unha película no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra a partir das 20:00 horas.

O filme “As mulleres de verdade teñen curvas”, dirixido por Patricia Cardoso continúa con este ciclo que comprende outros quince títulos que abordan como temática común os diferentes aspectos da convivencia entre as diferentes culturas, ben para denunciar os principais obstáculos como son o racismo ou a marxinación, ben para transmitir historias de superación persoal.

“As mulleres de verdade teñen curvas” está baseada na obra de teatro de Josefina López, escrita a partir das súas experiencias. A película conta a historia dunha moza latinoamericana, filla de emigrantes mexicanos, que vive na zona Este de Los Ángeles e que loita para manter un equilibrio entre as súas ambicións persoais e a súa herdanza cultural mentres intenta abrirse camiño na vida.

A película gañou dous premios no Festival de Sundance 2002, o Premio do Público e o Premio Especial do Xurado ás actrices América Ferrera e Lupe Ontiveros e o Premio da Mocidade no Festival de Donostia - San Sebastian 2002.

As críticas alabaron a extraordinaria calidade desta película e expertos cinéfilos manifestaron tras a súa estrea no Festival de Sundance:
“Absolutamente entretida para afeccionados ao cine de todas as idades. Para as mozas que sentan deprimidas porque non teñen o aspecto dunha modelo, a película supón un respiro de sentido común e aire fresco. Recórdanos como algunhas veces as mulleres das películas son como as da realidade.”
Chicago Sun Times

“Unha cálida e divertida historia familiar que desafía a imaxe que temos sobre as familias emigrantes.”
San francisco Chronicle

“Cálida, divertida e simpática que retrata de xeito realista os esforzos de moitas mulleres americanas da primeira xeración.”
Miami Herald

Outros títulos que se proxectarán ao longo deste ciclo son “A voda do monzón”, “El principio de Arquímides”, “Solas”, “Os amantes do Círculo Polar”, ou “O tren da memoria” entre outros, todas películas de recoñecido prestixio e gran calidade cinematográfica.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova