Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os pasos procesionais protagonizan unha Semana Santa lucense xa consolidada como destino turístico


# Venres, 14/03/2008


Esta noite de venres darán comezo os actos relixiosos de celebración da Semana Santa lucense coa celebración do Vía Crucis pola Muralla, a partir das 20:30 horas, que partirá dende a Praza de Santa María.

Como manda a tradición, os participantes levarán velas acesas e gardarán absoluto silencio durante todo o percorrido. Este acto relixioso é único no mundo por ter a característica de facer o percorrido polo adarve da Muralla.

Este tradicional acto, que dará comezo coa subida pola rampa da Porta de Santiago e dará unha volta completa ao monumento, é tradicionalmente o primeiro da serie de procesións das que consta o programa.

A Semana Santa de Lugo consolídase ano tras ano como destino turístico e, segundo as estimacións de Protección Civil, os pasos son seguidos por 150.000 espectadores.

O pregón do sábado, 15 de marzo, a cargo da escritora lucense, Marta Rivera de la Cruz, será a apertura oficial desta semana que organiza, como todos os anos, a Xunta de Confrarías en colaboración co Concello de Lugo. O Círculo das Artes será o esceario deste acto, que terá lugar a partir das 20:30 horas. O grupo Solo Voces poñerá a banda sonora a este acto.

Na mañá do Domingo de Ramos, os nenos serán os grandes protagonistas coa procesión da Borriquita despois da Bendición de Ramos, que terá lugar na Praza de Santa María a partir das 12:00 horas. Esta procesión recolle o momento no que entra Xesús en Xerusalén con rapaces e rapazas ataviados como soldados romanos e xudeos. Este paso partirá da Praza de Santa María para facer un percorrido que levará a imaxe pola Praza Maior, a Rúa da Raíña, e as prazas de Santo Domigo e Armañá para voltar ao punto de partida.

O domingo, 16 de marzo, tamén procesionará o paso da Virxe das Dolores, tradición recuperada o pasado ano despois de que deixara de saír no ano 1966. Está organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dolores de María Santísima e está considerada unha das máis antigas cun pasado máis aló do século XVII. Este ano, conmemórase o cincuentenario da bendición da imaxe da Virxe dos Dolores.

Esta procesión partirá a partir das 20:30 horas dende o Convento dos Pais Franciscanos e cruzará a Praza Maior para continuar o seu percorrido pola Rúa da Raíña, Xoán Montes, Rúa do Progreso, Praza de Santo Domingo, Rúa Coronel Teixeiro, Praza de Armañá. Dende este punto retornará pola Praza de Santo Domingo e a rúa da Raíña cara o punto de partida.

O luns, 17 de marzo, continuará o programa de actos da Semana Santa coa procesión da Virxe da Esperanza. Neste paso participa unha unidade da Armada Española, procedente de Ferrol, que é Irmán Honorario desta Confraría. Ao remate da procesión os mariñeiros entonarán a Salve Mariñeira. Estas tropas chegan a Lugo pola mañá para participar na tradicional visita á Casa Consistorial. Ás 12:30 horas, os membros da Corporación Municipal asistirán á parada militar que terá lugar ante a Casa Consistorial, onde recibirán ao Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, mentres as Tropas de Honores da Mariña formarán na Praza Maior.

A procesión da Virxe da Esperanza partirá dende a Igrexa de Santiago “A Nova” cara a Casa do Concello onde ás 19:30 horas, as autoridades municipais incorporaranse ao paso que continuará pola Praza do Campo Castelo cara a Ronda da Muralla. O percorrido seguirá pola Rúa Bispo Aguirre, a Rúa dos Clérigos, a Praza de Pío XII, a Rúa Bon Xesús, a Praza de Santa María, a Praza Maior, as rúas de Raíña, Xoán Montes e Progreso para retornar pola Praza de Santo Domingo e a Rúa da Raíña ata a igrexa de a Nova.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova