Imprimir

AS PROCESIÓNS PROTAGONIZAN OS DÍAS FESTIVOS DA SEMANA SANTA


17/3/2008 Tradición cultural e relixiosa mestúranse na conmemoración da Pascua lucense

As procesións continúan protagonizando o programa de actos de celebración da Semana Santa, que organizan conxuntamente a Concellería de Cultura e a Xunta de Confrarías. Nos vindeiros días destaca a procesión da Última Cea, que terá lugar o Xoves Santo, e que é a única da Cristiandade en levar o Sacramento por ser Lugo a cidade que o alberga. Tamén son referentes da Pascua lucense os pasos do Santo Enterro, pola súa singularidade, e o do Domingo de Resurrección, protagonizada pola Virxe do Rosario, patroa do Concello.

En todas as procesións estarán presentes membros da Corporación municipal acompañando aos participantes destas celebracións.

O Martes Santo acollerá a procesión do Bon Xesús e do Nazareno, organizada pola Confraría do Bon Xesús. O paso iniciará o seu percorrido ás 20:30 horas na Catedral, para seguir pola Praza de Pío XII, Rúa de Bon Xesús, Praza de Santa María, Rúa Conde Pallares, Praza de Armañá e Praza de Santo Domingo, onde dará a volta para retornar á Catedral.

Na tarde do Mércores Santo terá lugar a procesión do Cristo do Perdón, organizada pola Confraría do Perdón e Nosa Señora da Piedade. Este paso partirá ás 20:30 horas da Catedral e seguirá un percorrido pola Praza de Pío XII, rúa de Bon Xesús, Praza de Santa María, Praza Maior, Rúa da Raíña, e a Praza de Santo Domingo, onde dará a volta para iniciar o percorrido de volta ata a Catedral.

Membros do Instituto da Garda Civil, Irmán Maior Honorario escoltan a imaxe do Cristo do Perdón acompañando aos fieis e aos confrares.

O Xoves Santo, día 20 de marzo, terá lugar a procesión da Última Cea organizada pola Confraría Sacramental. O paso partirá ao remate da misa da Cea do Señor, que comezará ás 18:30 horas, na catedral. O percorrido deste paso seguirá as rúas do Bo Xesús, a Praza de Santa María e a Praza Maior e da a volta para rematar de novo na Praza de Pío XII. A Banda Municipal acompañará á comitiva procesional.

Este paso é único no mundo cristiano xa que tén o privilexio exclusivo de trasladar en procesión o sagrado sacramento que se custodia na Catedral de Lugo dende datas inmemorais.

O Venres Santo celebrarase a procesión do Santo Enterro, organizada pola Orde Franciscana Segrar e a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dolores de María Santísima. Este paso inicia o seu percorrido na Praza Maior e condúcese ata a Praza da Soidade onde se forma a procesión e inicia o seu itinerario por varias rúas do centro. Ás 20:15 horas incorpóranse as demáis confrarías no fondo da Praza Maior.

O Sábado Santo partirá ás 8:30 horas da Catedral a procesión penitencial da Virxe da Piedade, Santo Rosario e Vía Crucis que organiza a Confraría do Santo Cristo do Perdón e da Nosa Señora da Piedade. No seu percorrido a procesión transcurrirá pola Praza de Santa María e a Praza Maior para retornar ata a Catedral.

O Domingo de Resurrección, 23 de marzo, celébrase a procesión do Santo Encontro, que está organizada polo Concello de Lugo. Este paso inicia o seu percorrido na Casa do Concello ás 11:40 horas. Os membros da Corporación municipal reúniranse previamente na Casa Consistorial ás 11:30 horas.

A imaxe desta procesión é a Virxe do Rosario, patroa do Concello de Lugo, e será levada en andas por membros da Policía Local, acompañados polos representantes da Corporación Municipal.