Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha exposición amosa en Lugo a aportación do traballo invisible das mulleres ao crecemento de Galicia


# Martes, 18/03/2008
O secretario xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe, o delegado de Traballo, Miguel Vázquez Calvo, e o Alcalde, José Clemente López Orozco, inaugurarán a mostra esta tarde

O centro social Uxío Novoneyra acolle dende hoxe a exposición O traballo invisible das mulleres, que será inaugurada esta tarde polo secretario xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe, o delegado provincial, Miguel Vázquez Calvo, e o Alcalde da cidade, José Clemente López Orozco.

Trátase dunha mostra itinerante promovida pola Consellería de Traballo e que pode verse en Lugo, grazas á colaboración do concello, ata o vindeiro 30 de marzo. Combina documentos gráficos e textos que invitan a reflexionar sobre o traballo gratuíto das mulleres de Galicia e a súa repercusión no crecemento económico e social do noso país.

As actividades que se amosan, ademais de plasmar o pasado, fan visible o que aínda impregna o discorrer da vida de moitas mulleres, e que mediatiza as súas posibilidades no acceso aos recursos sociais, económicos, políticos e laborais.

O paro feminino en Lugo supera en 18 puntos ao masculino (59% fronte ao 41%), entre outras causas porque perviven prexuízos que limitan o acceso das mulleres a determinadas profesións tradicionalmente consideradas masculinas.

Por outra banda, o acceso ao mercado laboral non evita que as mulleres sigan soportando o peso do traballo non remunerado que se realiza no fogar, o que supón na práctica cumprir unha xornada laboral interminable.

A Consellería de Traballo pretende cambiar o rumbo nas políticas de emprego da nosa Comunidade, coa articulación dun novo marco normativo, exemplificado pola Lei do traballo en igualdade, que permita a consolidación nos próximos anos dun tecido produtivo sustentado no principio de igualdade.

Téñense dado avances importantes. Nos dous últimos anos a contratación indefinida de mulleres en Galicia incrementouse un 44,7%; en 2007 houbo en Galicia 38.890 afiliados máis, dos que 22.151 foron mulleres. Existen plans formativos e medidas de fomento do emprego que incentivan claramente a incorporación da muller ao mercado de traballo.

Con todo, a igualdade real require que o traballo doméstico, invisible e gratuíto, sexa compartido; require, polo tanto, de iniciativas que inciten a modificar comportamentos no ámbito privado, máis alá do se poida lexislar no ámbito laboral.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova