Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo e o Presidente da Deputación visitan a exposición sobre a auga Vive los ríos del Norte


# Martes, 18/03/2008
Estará aberta ata o 6 de abril na Praza do Seminario

A importancia de coidar a auga como “un ben prezado”. Ese é un dos obxectivos da exposición Vive los ríos del Norte que a Confederación Hidrográfica do Norte trae a Lugo coa colaboración do Concello lucense.

Baixo o lema Un compromiso coa auga, a exposición inclúe un apartado de información xeral co fin de sensibilizar sobre a importancia deste ben.

Hoxe foron as autoridades políticas, o Alcalde de Lugo, José López Orozco e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, os que abriron as portas desta exposición que permanecerá en Lugo ata o vindeiro 6 de abril en horario de 9 a 19 horas de luns a domingo.

López Orozco destacou que a cidadanía debe ser consciente da importancia que ten coidar o medio no que vivimos, “debemos decatarnos do fundamental que é este ben e ser máis solidarios, xa que hai moitos lugares nos que non teñen auga. E onde non hai auga, non hai vida”

O Alcalde tamén aproveitou para lembrar que un dos grandes proxectos polos que apostou el persoalmente para a cidade, foi o das obras de saneamento, depuradora e nova traída de augas, “o meu desexo é que os lucenses confiemos na nosa auga e que o río Miño a reciba nas mellores condicións”.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación amosou a súa satisfacción por participar na inauguración da mostra, “xa que a auga é un tema que debe reclamar a nosa atención e a nosa preocupación”. Deste xeito, o máximo mandatario provincial sinalou que o chamado uso responsable da auga, incluso aquí en Galicia, é necesario. A auga é un ben escaso e esta exposición lévanos á reflexión sobre a importancia que é o seu coidado”.

Asimesmo, Gómez Besteiro amosou o apoio da Deputación a este tipo de iniciativas, xa que “o 55% do territorio é Reserva da Biosfera e nel coincide que grandes ríos como o Eo e o Miño nutren de auga a provincia. Por tanto, este elemento é un dereito e un ben responsable”.

Esta exposición tamén dedica unha atención especial aos máis cativos que poderán participar nos talleres de actividades preparados especialmente para que coñezan dende moi novos a importancia da auga e do seu consumo eficiente e responsable.

A exposición, que quere difundir información sobre a xestión e usos da auga, está destinada a todo o público en xeral e consta de diferentes paneis que recollen información relativa á relación entre a humanidade e a auga, e pantallas táctiles que permiten ao visitante profundizar en aspectos de interese.

A idea da corresponsabilidade na xestión deste recurso está presente en todo o percorrido. As claves son a visión global que permita recoñecer a auga como un dereito humano fundamental e as medidas que é preciso adoptar ou que xa se están levando a cabo para garantir a dispoñibilidade de auga e o seu uso sostible.

A boa acollida que está a experimentar esta exposición nas cidades polas que pasou fixo que os organizadores decidisen abrila aos colexios. Isto tamén sucederá en Lugo. O día 25 de marzo comezarán as visitas de colexios da cidade, para que os máis cativos coñezan a situación da auga no mundo, en toda España e cales son os retos que deben marcarse para o futuro.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova