Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello recibe un ano máis ao Exército de Terra que participa na procesión do Bon Xesús e do Nazareno


# Martes, 18/03/2008
O exército é Irmán Maior Honorario desta Confraría

Un ano máis o Alcalde de Lugo, José López Orozco e outros membros da Corporación Municipal recibiron no Concello ao Exército de Terra que como cada ano participa na procesión do Bon Xesús e do Nazareno da Semana Santa lucense.

Ás 19:05 unha unidade da Brilat Galicia VII procedente de Figueirido e integrada por unhas 50 persoas, formou diante da Casa do Concello. Un pouco máis tarde o xefe ao mando, o Comandante Militar de Lugo e A Coruña, José María Timón Sánchez, saudou ao Alcalde e pasou revista ás tropas.

Posteriormente tivo lugar o intercambio de agasallos institucionais no despacho de Alcaldía entre o Alcalde e o Comandante Militar. López Orozco en nome da Corporación lucense fixo entrega dun vaciapetos de madeira e prata en sinal de agradecemento pola visita xa tradicional do Exército de Terra a esta procesión.

O Comandante Militar asinou ademais por vez primeira no libro de honra do Concello. Hai que lembrar que tomou posesión do seu cargo o pasado 3 de marzo e hai uns días visitou ao Alcalde para presentarse persoalmente.

Un pouco máis tarde tivo lugar un refrixerio e as autoridades integrantes da comitiva sairon do Concello para incorporarse á procesión. A marcha comezou dende o Adro da Catedral, Pio XII, Bo Xesú, Praza de Santa María, Alférez Provisional, Conde de Pallares, Armanyá, Santo Domingo, Raíña, Concello, Praza Maior (preto de Franciscanos), Alférez Provisional, Clérigos e Praza Pio XII.

Como cada ano ao paso da carroza a cantante lucense Alba Mesa interpretou unha saeta na honra de Xesús Nazareno.

Rematada a procesión, no altar do Bon Xesús tiveron lugar os rezos que serviron de peche a este Martes Santo.

O Mércores Santo continuarán os actos relixiosos e culturais incluídos na Semana Santa da cidade de Lugo. Ás 11:00 haberá unha Misa Crismal na catedral e pola tarde, a partir das 20:30, comezará a Procesión do Cristo do Perdón e da Virxe da Piedade e Via Crucis Penitencial, dende a Catedral.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova