Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Arrinca en Lugo o proxecto europeo 'Senior Tics' para difundir as novas tecnoloxías entre os maiores


# Domingo, 23/03/2008


O luns, 24 de marzo, arrinca en Lugo o proxecto europeo “Senior Tics” destinado a difundir o uso das novas tecnoloxías entre os maiores. Para facilitar a participación de persoas con mobilidade reducida ou dificultades para desprazarse o Concello de Lugo habilitará un servizo especial de autobuses, para achegar aos participantes ao CEI, co seguinte horario e percorrido:

A saída será dende o Centro Social Municipal de Fingoi ás 10:00 e ás 16:00 horas e fará as seguintes paradas:

1. Ronda das Fontiñas (á altura de Montirón)

2. Ronda das Fontiñas (Esquina con Carril das Flores)

3. Ronda da Muralla (Sindicatos)

4. Avda. de A Coruña (á altura de Tino Grandío)

5. Avda. de A Coruña (Parque de Frigsa)

As clases desenvolveranse en dúas quendas os luns mércores e venres, unha pola mañá de 10:30 a 12:30 horas, e outra pola tarde de 16:30 a 18:30 horas.

Este programa arrinca en Lugo tras a reunión que mantivo a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, o pasado mércores, 12 de marzo, na cidade lusa de Braga, cos socios deste proxecto europeo que lidera o Concello de Lugo e no que participan a Cámara Municipal de Braga (Portugal), un centro de formación para adultos de Francia e unha empresa de novas tecnoloxías de Grecia.

A edil lucense mantivo varias xuntanzas co resto dos representantes para por en común as liñas de desenvolvemento deste programa innovador que quere achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía, especialmente ás persoas maiores de 65 anos de idade. Está integrado na actuación Grundtvig, pertencente ao Programa de Formación ao Longo de toda a Vida e contar cun orzamento de máis de 299.000 euros, dos que Lugo recibe 133.132 euros por ser o promotor do proxecto.

Esta proposta persegue incrementar as posibilidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida para a xente maior, facendo fincapé nas súas necesidades de achegamento ao campo das novas tecnoloxías, do cal as persoas maiores son tradicionalmente excluídas.

O curso comezará o luns 24 de marzo e terá unha duración de 18 meses nos que se desenvolverán as distintas actividades formativas incluidas no programa como son as clases teóricas e prácticas de informática básica, navegar por Internet e creación de blogs; saídas pola cidade para realizar reportaxes fotográficas con cámaras dixitais e unha excursión a Braga.

O curso desenvolverase no Centro de Empresas e Innovación, que cumpre así coa súa función de abrirse a todos os sectores da poboación lucense e de ofrecer uns servizos de formación en novas tecnoloxías.

O que se pretende con este proxecto é fomentar a súa motivación ofrecéndolles as ferramentas necesarias e desenvolvendo unha metodoloxía adaptada á súa idade, que será impartida por monitores con experiencia.

O proxecto ten polo tanto tres obxectivos principais:

-Animar á adquisición de capacidades básicas en novas tecnoloxías para a xente maior.

-Pensar a nivel europeo, sobre novas metodoloxías e o seu potencial para mellorar a maneira na que a xente maior aprende e pasa o seu tempo libre.

-Animar o diálogo inter-xeracional e recuperar a Memoria Histórica.

O coñecemento e competencias adquiridas pola xente maior serán reforzados con actividades de dinamización, entre as que se atopan: a creación de blogs persoais, a gravación de vídeos sobre memoria histórica ou a realización dun álbum dixital de fotos antigas e actuais da localidade.

Doutra banda, a proposta presenta un lado interxeracional importante, deseñado para facilitar a solidariedade e a comunicación entre a xente nova e maior, nun contorno educativo non formal, onde haberá unha importante retroalimentación entre os dous grupos. Así prevese tamén a realización de encontros entre os maiores e os mozos de centros escolares da localidade onde se comentarán fitos da nosa historia vividos polos nosos maiores, e se realizarán outras actividades conxuntas.

O intercambio de experiencias tamén será unha parte esencial deste programa. Os participantes de Lugo contactarán cos integrantes dos grupos de fóra para facilitarse entre eles información sobre as actividades e boas prácticas do proxecto, a través dun Foro Web.

O proxecto rematará coa elaboración dun dvd recopilatorio multilingüe que recolla as actividades postas en marcha no Senior Tics, haberá un Seminario internacional no que participarán os socios do proxecto para avaliar os resultados obtidos e un concuso internacional de fotografía.

Con relación ao impacto, a proposta está deseñada para traballar con xente maior que nunca usou un ordenador ou dispositivos tecnolóxicos.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova