Imprimir

UN ANO MÁIS CRECE O NÚMERO DE TURISTAS QUE VISITAN A CIDADE EN SEMANA SANTA


24/3/2008 O número de visitantes incrementouse nun 20% con respecto ao ano pasado

A Semana Santa lucense rematou rexistrando un aumento do número de turistas que se achegan á cidade nestas datas e confirma as previsións do Concello de Lugo con respecto a consolidación destas festas como un atractivo turístico de referencia en Galicia.

Durante esta semana festiva, a Oficina Municipal de Turismo recibiu a 1.800 turistas, o que supón un incremento do 20% con respecto a cifra rexistrada o ano pasado. O número de visitantes extranxeiros mantense nun volume similar ao de 2007 e supón o 10% do total sendo os franceses, os ingleses e os irlandeses os que máis visitaron a cidade dende Europa, ademais pasaron estadounidenses e cidadáns de distintos países de América, en especial arxentinos.

Respecto aos visitantes nacionais, os que máis numerosos proceden de Madrid, Canarias, Castela e León e País Vasco.

Este ano aumentou tamén a participación de confrades en todas as irmandades e tamén o público asistente as distintas procesións, co que se mantén o relanzamento desta celebración relixiosa e cultural.

Os datos rexistrados pola Oficina de Turismo quedaron reforzados polos ofrecidos pola hostalería, onde prácticamente en todas as categorías tiveron unha ocupación media superior ao 70 por cento e acadando o 95% nos días festivos.

Pola súa banda, a Casa dos Mosaicos rexistrou datos moi positivos xa que visitaron este museo municipal un total de 1.158 visitantes, cifra superior aos 841 rexistrados en 2007. Os días 20 e 21 de marzo rexistráronse os picos máis altos de afluencia con 210 e 234 visitantes, respectivamente.

A Casa dos Mosaicos estivo aberta todos os días festivos, xa que só pecha os luns por descanso de persoal. O mesmo horario rexe na sala de exposicións Porta Miñá, que esta Semana Santa recibiu un novo pulo con 223 visitantes, cifra noi superior aos 141 do ano pasado. A todos estes datos hai que engadir os 317 visitantes que pasaron polo Museo Arqueolóxico de San Roque.