Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Muralla de Lugo será o referente para dar a coñecer Galicia en China


# Luns, 24/03/2008
O Embaixador Especial do Ano de España en China presentou en primicia a Memoria deste ano

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Embaixador Especial do Ano de España en China, Pablo Bravo Lozano, presentaron a Memoria do que supuxo o Ano de España na República Popular China e na que se dedica un apartado especial ao irmanamento simbólico da Muralla de Lugo coa Gran Muralla China en outubro do ano pasado.

López Orozco explicou que o protagonismo de Lugo nesta recopilación de acontecementos débese “sen dúbida a Pablo Bravo, un lucense de pro que quixo que Lugo tivese protagonismo a través da súa muralla nun ano tan importante para España e nun país emerxente e en crecemento como é China”.

O Alcalde quixo lembrar tamén que foi o traballo de Bravo o que propiciou que o Embaixador de España en China, Carlos Blasco, enviase unha carta para organizar unha viaxe de representantes da cidade a Pekín e así formalizar o irmanamento e amosar Lugo e Galicia “nese escaparate formidable. Mañá hai unha xuntanza cos integrantes do Consello Económico e Social, co fin de que non sexa unha iniciativa do Concello, senón que participen as forzas vivas da cidade”.

Nese senso, Bravo sinalou que Lugo “pode ser a locomotora que leve a presencia de Galicia a China. Un país que é a fábrica do mundo e o mercado, e non podemos esquecer que o mercado tamén compra. Dentro de pouco tempo China importará na mesma cantidade que exporta, e iso ten que ser o que nos motive para levar alí os nosos negocios”.

Para o Alcalde, Lugo debe presentarse en China “tal é como é. Con moito respecto a ese gran pobo, e como unha cidade bimilenaria cun pasado extraordinario, un presente, mercado e costumes e tradicións propias”.

O Embaixador especial destacou que a Memoria, na que Lugo ten un gran protagonismo incluíndo unha foto no interior da portada dunha cativa lucense de orixe china vestida co traxe típico galego, foi presentada en primicia na cidade de Lugo. “Lugo son as miñas raíces. Falei co Ministro de Asuntos Exteriores e pendille permiso para presentar o Libro primeiro na miña cidade e díxome que adiante, que admiraba a valentía de que as murallas se convertesen en ponte de unión entre os pobos”.

Bravo explicou que el cando coñeceu China sentiuse máis orgulloso aínda da Muralla de Lugo, “cando cheguei a China quedei perplexo e pensei, pois nós tamén temos unha muralla Patrimonio da Humanidade.”

O Embaixador suliñou a importancia de que a Muralla lucense sirva de referente para presentarse no país asiático “para nós, como para eles, é un símbolo que apreciamos, e permitiranos ter unha ponte de unión con ese país tan interesante para nós”. Na actualidade, China é a cuarta potencia económica do mundo e “España é para eles como unha provincia de Europa, por iso ten máis importancia aínda que Galicia sexa un referente a través da Muralla de Lugo que é o xeito de chamar a súa atención”.

Para Pablo Bravo a visita oficial ao país nipón permitirá abrir as portas facilmente aos empresarios galegos. “Eles teñen un dito: os negocios comezan dende a amizade”. Explicou que no país asiático danlle moita importancia ás formas nas que se entra en contacto cos axentes sociais e económicos e que é máis sinxelo o diálogo se os empresarios van da man de representantes oficiais dalgún país.

O Alcalde lembrou que o martes haberá unha xuntanza do Consello Económico e Social para tratar as distintas posibilidades que hai de levar a cabo a viaxe dos representantes sociais e económicos lucenses na segunda quincena do mes de xullo.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova