Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Música, teatro polas rúas e o Comillonum arredor de toda a muralla, grandes novidades do Arde Lucus 08


# Mércores, 26/03/2008
A Concelleira de Xuventude presentou un Arde Lucus que recupera algunhas tradicións dos seus inicios

A Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, presentou hoxe algunhas das novidades que rodearán o Arde Lucus deste ano 2008. Carmen Basadre explicou que “Lucus arderá de novo os días 20, 21 e 22 de xuño, con numerosas actividades que transformarán a cidade e farán que recupere a imaxe do seu pasado romano”.

Ao longo de tres días a cidade de Lugo acollera actos a todas horas polas principais rúas e prazas. Haberá música e teatro en directo por todos os puntos de Lugo, pirotecnia e decoración nas fachadas e mobiliario urbán que permita que a cidade recupere o esplendor que viviu cando formaba parte do gran Imperio romano.

A Concelleira explicou que haberá un taller de coiro “para facer os adornos, cascos, pulseiras, sandalias comezará en abril no Uxío Novoneyra, e outro de confeción de corazas en cartón pedra para a composición de exércitos romanos que será nun local do CEI” . Tamén haberá, todos os sábados, un taller de costura como cada ano no Centro Social Uxío Novoneyra para a confeción dos traxes dos personaxes da época.

Nesta edición do Arde Lucus, a sétima, de novo un grupo de mulleres e homes inscritos na escola do Centro Penitenciario de Bonxe colaborarán na confección de traxes e sandalias para as asociacións colaboradoras na festa.

A Concelleira explicou que algúns deles poranse a disposición das persoas que desexen participar nesta festividade que cada vez é máis recoñecida dentro e fóra de Galicia. Basadre explicou que “están traballando con moita ilusión. Hai dúas persoas que acuden á prisión dúas veces á semana para botarlles unha man”. Farán traxes especiais seguindo os motivos que recollen os mosaicos existentes en Lugo, bordados a man...

Como en anos anteriores haberá concursos con premios para decoración de fachadas dentro de muralla -dende o 16 de xuño-, personaxes romanos e celtas e campamentos -para grupos ou individuais, infantil e adultos-. O desfile será o día 20 de xuño na Praza Maior a partir das 20:00 horas.

Os premios irán dende os 300 euros ata os 1.000, e diferentes agasallos como un mp4 ou unha cámara dixital. As inscrición faranse en Xuventude no Centro Social Uxío Novoneyra dende o 26 de maio ata o 6 de xuño.

Tamén haberá exhibicións de bigas polas rúas Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo, cun percorrido maior que en anos anteriores. Nesta ocasión Basadre explicou que contarán tamén cunha exhibición de cabalos dunha cuadra lucense que participarán no Arde Lucus.

Outra novidade é a organización dunha carreira de atletas arredor da muralla, e a celebración dunha exhibición deportiva con distintas modalidades típicas da época romana.

A Concelleira destacou que nesta edición vaise a dar moita importancia á participación dos veciños e visitantes “esta festa é do pobo e o que queremos é que a xente participe en cada unha das actividades”.

Mantéñense tradicións e actividades estrela como a lectura do pregón, a venda de escravos e as vodas romanas. O Macellum (mercado) ampliarase na súa extensión ocupando parte da Praza Maior, a rúa Armanyá, a Praza da Soidade e a Praza do Campo. Isto implica que tamén se amplíe o número de postos de artesanía e venda de produtos tradicionais abertos ao longo desa fin de semana na cidade.

A Concelleira sinalou que este ano está previsto un aumento no número de actividades polas rúas, “haberá un maior número de bigas e máis animación no circo romano”.

Nesta edición tamén terá lugar a tradicional queimada co seu conxuro. Será a noite do sábado na Praza Maior, diante o Concello, e para ela contarase co apoio de laboratorios Nupel.

Regresa o Comillonum
Pero sen dúbida o prato estrela do Arde Lucus 2008 será a recuperación do Comillonum a iniciativa do Concello. Será o domingo e este ano aposta forte e rodeará a Muralla completamente, contando coa participación de preto de 4.000 persoas, lucenses e visitantes, que cearán coa Muralla romana de fondo.

O Comillonum está sendo organizado polo Concello e a Asociación de Hostaleiros e o único segredo que permitiron que se fixese público foi que, en diferentes versións, haberá lacón galego no menú.

Basadre dixo que o obxectivo claro este ano “é consolidar esta festa no calendario de celebracións de comezo de verán e converterse en referente nas festas históricas que se celebran en toda a Comunidade Galega”.

Este ano espérase incrementar o número de visitantes do ano pasado, xa que “cada vez hai máis persoas que apuntan na axenda a data do Arde Lucus para visitar Lugo” dende diferentes puntos do país.

Dende hoxe a Concellería de Xuventude informará aos que desexen participar “un ano máis Lugo arderá de novo”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova