Imprimir

O CONCELLO INICIA UN PROCESO DE MELLORA NA ATENCIÓN AO CONTRIBUÍNTE


27/3/2008 A Concelleira de Economía aposta por dar máis facilidades e garantir a transparencia na xestión

O Concello de Lugo, dende a Concellería de Economía que dirixe Sonia Méndez, decidiu comezar un proceso de mellora na atención aos contribuíntes do municipio. Para iso pon en marcha unha fase de modernización que permitirá máis facilidades e comodidades no pago, así como unha total transparencia na xestión.

O Concello pretende dar resposta ás demandas dos contribuíntes mediante a posta en marcha de interesantes novidades no cobro dos impostos que estarán en marcha completamente no mes de maio.

Unha das primeiras modificacións é a ampliación das entidades colaboradoras no pagamento. En poucos días asinarase un convenio con Caixanova para que os veciños, ademais de nas oficinas de Caixa Galicia nas que actualmente se poden pagar os tributos locais, poidan pagalos nas nove oficinas que ten Caixanova na cidade. Ademais, a medida que sexa técnicamente posible, ampliarase a outras entidades que operan na cidade.

Tamén se habilitará na web municipal a opción do pagamento telemático para todos os contribuíntes.

O pago por TPV, será outra das novidades, os contribuintes que o desexen poderán pagar agora con tarxeta na teseourería municipal

Outro dos medios de pago, xa en marcha, é o do pago en caixeiros automáticos. Trátase dun medio de pagamento moi útil no caso de que se desexe realizar o pago en domingos ou festivos.

A domiciliación é outra das alternativas xa en marcha, e é unha das opcións que cada vez ten maior demanda. Agora sufrirá unha modificación. Ante a demanda dos contribuíntes que teñen os recibos domiciliados de que o cobro non se cargara o primeiro día do pagamento, xa que os perxudicaba fronte aos que tiñan dous meses máis para facer o pago, decidiuse que os cargos se realizaran nos últimos 15 días, para beneficiar así ás persoas que deciden domiciliar os seus recibos.

A modernización dos cobros tamén chega aos recibos. Para os que non teñen o recibo domiciliado haberá un novo modelo máis claro, con máis información sobre recargos en caso de pago fóra de prazo, etc.