Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O xurado do Premio Blanco Amor da a coñecer o gañador este sábado


# Xoves, 03/04/2008
Está considerado como o Premio máis importante da literatura en lingua galega

O xurado do XXVI Premio Blanco Amor de Novela Longa reúnese este sábado a partir das 11:30 horas na Casa do Concello de Lugo para decidir o nome do gañador desta edición.

Recordemos que este premio está patrocinado por 75 concellos galegos e que está considerado como o máis importante da narrativa en lingua galega cun importe que supera os 12.000 euros.

O xurado que decidirá ao longo da mañá do sábado a novela que merece o galardón, está composto por tres escritores -un deles, Rábade Paredes, é o gañador da anterior edición do Blanco Amor-, e dous dos máis importantes e acreditados críticos literarios en lingua galega.

Xurado do Premio Blanco Amor

- Xesús Rábade Paredes
- Marica Campo
- Isidro Novo
- Dolores Vilavedra
- Ramón Nicolás


XESÚS RÁBADE PAREDES

Naceu en Seixas (Cospeito, Lugo) en 1949. É catedrático de Lingua e Literatura nun instituto de Santiago. Poeta e narrador fecundo, publicou o seu primeiro libro de poesía, Xuntos cara ó mañán, en 1969, e desde aquela, entre outros, O sangue na paisaxe (1979), Poldros de música (1993), Os dedos nos loureiros (2000).

Como narrador, estreouse en 1974 con A terra prometida, e logo, entre outras novelas, publicou Branca de Loboso (1991), As sombras do barroco (1994), Como levar un morto (2001).

É o gañador da anterior edición do Premio Blanco Amor coa novela Mentres a herba medra, publicada no 2007.

Tamén ten unha longa obra ensaística, dentro da que se poden salientar os libros Literatura galega do século XX (1985) ou Vida de Manuel Murguía (2000). Realizou estudos críticos sobre Rosalía, Pondal, Cunqueiro, Blanco-Amor, Neira Vilas, etc.

Rábade Paredes está considerado como un dos mellores poetas e narradores da súa xeración, e destaca, entre outras cousas, pola beleza da súa linguaxe, altamente depurada e esixente.

MARICA CAMPO

Mestra de profesión, naceu no Incio en 1948, e criouse en Lugo. É coñecida sobre todo como poeta, cunha obra de alta calidade emocional e formal que se iniciou co libro Tras as portas do rostro (1992). No 2007 publicou Sextinario: trinta e seis mais tres, un libro composto só por sextinas, talvez a forma métrica máis difícil que existe, da que ela foi a primeira cultivadora en lingua galega.

É tamén unha prestixiosa narradora: Confusión e morte de María Balteira (1996) ou Memoria para Xoana (2002). Como dramaturga, é autora de Confusión de María Balteira, que foi estreada en Lugo polo grupo de teatro Achádego.

Marica Campo foi unha escritora de revelación tardía que desde o seu primeiro libro foi considerada como unha das voces máis importantes da recente poesía galega.

ISIDRO NOVO

Naceu en Lugo o día de San Froilán de 1951, e exerceu profesións tan variadas como vendedor de libros, viaxante de produtos alimentarios, administrativo ou taberneiro. Como escritor en prosa –é tamén poeta– estreouse en 1994 coa novela Teaza de Brétema, finalista do premio Barco de Vapor. En 1997 publicou un western cómico titulado Por unha presa de machacantes e o libro de relatos Carne de can. Posteriormente viñeron as novelas Súa de si, Un escuro rumor tralo silencio...

Como poeta, publicou en 1997 Dende unha nada núa, e no 2007 Esteiro de noites falecidas.

Isidro Novo, que recibiu diversos premios de poesía e narrativa, ten sido definido como “escritor todo-terreo”. En 1992 e 1995 publicou unha Guía do bebercio lugués, e ten traballado tamén como radiofonista. Actualmente é vogal representante de Lugo da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

DOLORES VILAVEDRA

Naceu en Vigo en 1963 e é profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago. Forma parte do Consello de redacción da revista Grial, na que dirixe a sección de crítica literaria. Colabora tamén no Diario Cultural da Radio Galega, así como en gran número de xornais e publicacións periódicas especializadas.

Dolores Vilavedra foi a coordinadora do monumental Dicionario da literatura galega en catro volumes (Autores, Publicacións periódicas, Obras e Termos). Da súa autoría son os libros Historia da literatura galega (1999), Sobre narrativa galega contemporánea (2000), ou Un Abrente teatral. As Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia (2006)

Entre outras labores importantes, Dolores Vilavedra preparou a edición das Cartas ao meu amigo, que recolle o epistolario de Álvaro Cunqueiro a Francisco Fernández del Riego desde Mondoñedo, e tradución ao castelán a gran novela de Manuel Rivas Os libros arden mal. Trátase, sen dúbida, dunha das principais figuras actuais no estudo da literatura galega.

RAMÓN NICOLÁS

Naceu en Vigo en 1966, e é profesor de lingua e literatura galegas nun centro secundario de Vigo, en cuxa Universidade ensinou tamén. En 1990 empezou a dedicarse á crítica literaria, que exerceu nos diarios Faro de Vigo e La Voz de Galicia (no suplemento Culturas), ademais de en diversas publicacións especializadas e xerais. Dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

Como editor crítico ten unha obra moi extensa, dedicada sobre todo a Manuel Luís Acuña, a Manuel Lueiro Rey, e sobre todo a Celso Emilio Ferreiro, de quen editou a Poesía galega completa e máis o volume Semblanzas, crónicas e artigos.

Participou no gran Dicionario de literatura galega en catro volumes, e no ano 2006 publicou Manuel Lugrís Freire. Vida e obra. No libro Papeis de literatura (2001) recolleu recensións de libros dos dez anos anteriores, notables polo seu rigor, honestidade e agudeza crítica.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova