Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Educación organiza no mes de abril un completo programa de animación á lectura para os rapaces da cidade


# Xoves, 03/04/2008
As bibliotecas dos centros educativos da cidade recibirán unha selección de libros

A Concellería de Educación, que dirixe de María Dolores Vieiro, levará a cabo durante o mes de abril un completo programa de animación á lectura para rapaces de educación infantil ata bacharelato.

Trátase dunha serie de actividades que se están a desenvolver dende o mércores 2 de abril e que se alongarán ata finais de mes. O inicio desta campaña coincidiu coa celebración do día Día Internacional do Libro Infantil e terá outra data sinalada: o 23 do mesmo mes do Día Mundial do Libro. A Concelleira explicou que con esta iniciativa "preténdese achegar aos nenos e nenas á lectura como medio de información e para o tempo de lecer". Así, as bibliotecas dos centros de Infantil e Primaria do Concello recibirán unha selección de libros de literatura infantil ”para animara a súa biblioteca e animar aos seus alumnos á lectura”.

Como complemento, darán comezo unha serie de talleres como a Actividade de Teatro que terá lugar do 21 ao 25 de abril no salón de actos do Centro Social de Fingoi orientados a rapaces de 2º e 3º de Educación Infantil.

Os Centros interesados en tomar parte desta actividade poden obter máis información no teléfono 982 29 74 97.

Coñecendo a Otero Pedrayo
Ademais a Concelleira presentou o programa Coñece a Obra de Otero Pedrayo que se porá en marcha entre entre o xoves 10 de abril e o mércores 16. “O obxectivo e achegar aos rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato de Lugo a obra do autor e salientar a súa importancia na nosa historia e na nosa literatura”.

O programa consta das seguintes actividades:

1- ANIMACIÓN DRAMATIZADA
Unha montaxe teatral interpretada e dirixida por Sabela Gago, na que o público asistente participa de xeito activo, ten un marcado carácter lúdico e combina técnicas de dramatización e narración oral. O seu contido xira arredor de tres dos relatos recollidos en Contos do camiño e da rúa.

2- EXPOSICIÓN: OTERO SEMPRE EN TRASALBA
Componse de doce paneis editados pola Fundación Otero Pedrayo.
1. O pensamento oteriano
2. A Xeración Nós
3. O creador da Narrativa
4. Político e deputado galeguista
5. A longa posguerra
6. O precursor dos modernos estudos do territorio
7. Pescudas históricas e reflexión ensaística
8. Un poeta e dramaturgo sen explotar
9. Cos galegos de América
10. O orador de Galicia
11. A fundación Otero Pedrayo: A casa da memoria
12. Unha vida en datas

Cada grupo de alumnos e alumnas asistentes á sesión de animación poderá visitala a continuación. Como material complementario enviaráselle aos profesores unha ficha didáctica para o alumnado.

3- DOTACIÓN PARA AS BIBLIOTECAS
Este programa contempla tamén a dotación das bibliotecas de aula cos títulos da obra literaria de Otero Pedrayo máis asequibles ás idades do alumnado participante.

Quincena da literatura infantil e xuvenil
A Concellería de Educación e a editorial OQO organizan a Quincena da arte e da literatura infantil e xuvenil titulada Contarte. Conta como referencia co Gran libro dos retratos de animais e O día en que a mamá se lle puxo a casa de teteira sobre os que se organizarán obradoiros para escolares de 1º a 6º de primaria.

Vieiro explicou, ademais, que ”o día 30 de abril o ilustrador do Gran libro dos retratos de animais, Svjetlan Junakovic, estará no IES San Xillao para realizar un obradoiro cos alumnos e alumnas do Bacharelato de Artes e da Escola ramón Falcón”.

Junakovic graduouse na Academia de Belas Artes de Milán en 1985 e traballa como pintor, escultor e ilustrador en Zagreb, Croacia. Polos seu traballo artístico ten recibido os máis prestixiosos premios a nivel internacional, como a mención de Honra do IBBY en Nova Delhi en 1998, o premio da BIB na bienal de Bratislava no 2001, o Premio Cidade de Bari, o premio especial da Bienal de Oita en Xapón, entre outros. En Croacia recibiu por seis veces o Premio Nacional de Ilustración.

Ten ilustrado máis de 50 libros para nenos e os seus traballos foron traducidos a máis de vinte idiomas de todo o mundo.

Actualmente exerce como profesor de Belas Artes sen Zagreb e tamén imparte aulas na Escola Internacional de Artes de Sarmede (Italia).

A obra O gran libro dos retratos de animais, editado por OQO Editora, recibiu o Primeiro Premio ao Libro mellor editado de España no 2007 e acaba de ser galardoado cunha Mención de Honra no Bologna Ragazzi Award, isto é, o Premio da Feira do Libro Infantil de Bologna (Italia), un dos máis importantes galardóns do mundo no eido da Literatura Infantil e Xuvenil. É a primeira vez que unha obra e unha editorial galega recibe este galardón. Este álbum foi editado en galego, español, portugués, francés, inglés e italiano.

Educación e paz
Por outra banda, Dolores Vieiro anunciou que o Concello de Lugo participará no XXII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz que se celebrará en Vigo o 18, 19 e 20 de abril. Nesta ocasión se celebrará a existencia dos 25 anos do grupo de educación para a paz máis veterano en funcionamento da Península Ibérica.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova