Imprimir

LUGO SERÁ A SEDE DO II ENCONTRO INTERNACIONAL CONTRA AS DROGODEPENDENCIAS


7/4/2008 O Alcalde defendeu a candidatura lucense que contou co apoio unánime de todas as cidades españolas

Previsiblemente en maio do 2010 Lugo recibirá a preto de 300 expertos no control e abuso de drogas de todo o mundo

Atraerá autoridades de distintas partes do mundo coincidindo coa Presidencia da Unión Europea por España e co Xacobeo


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, propuxo á cidade lucense como sede para acoller o II Foro Internacional contra as drogas organizado pola CICAD (Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas) e que terá lugar no ano 2010.

López Orozco defendeu neste Encontro o bo traballo realizado dende o Servizo Municipal de Drogodependencias para a prevención e o tratamento deste tipo de adiccións. A súa exposición, explicando os motivos polos que Lugo debe acoller este segundo encontro, foi moi ben recibida polos integrantes do Comité Executivo e polo resto de cidades españolas integradas na CICAD, que apoiaron de forma unánime a proposta do mandatario lucense.

A iniciativa de que Lugo fose a sede do II Encontro Internacional, foi aprobada no último Pleno co apoio unánime dos distintos grupos políticos.

Esta distinción suporá para Lugo que, coincidindo coa presidencia de España da Unión Europea e co Xacobeo, a cidade se convirta no centro da información mundial. A previsión é que este Foro se desenvolva no mes de maio do ano 2010 e atraia ata a cidade a centos de persoas de todo o mundo, así como numerosas autoridades europeas, e tamén de América e do Caribe, que integran a Organización de Estados Americanos (OEA).

Trátase, sen dúbida, dun aliciente máis para Lugo e unha oportunidad para amosar a cidade e a provincia, así como o extraordinario traballo que se fai a favor da prevención e o tratamento das persoas drogodependentes.

López Orozco amosou aos máis de 400 asistentes a este Congreso en Santo Domingo fotografías de toda a cidade e dos seus monumentos máis simbólicos.

Ao longo destes 4 días de Congreso, o Comité Executivo, no que está Lugo, está a analizar a situación das drogodependencias en todo o mundo e os posibles métodos de tratamento e prevención.

Este foro internacional é unha iniciativa de colaboración entre a Comisión Europea e a Comisión Interamericana para o control do abuso de drogas da Organización dos Estados Americanos (OEA).

A Delegación lucense neste Congreso está encabezada polo Alcalde da cidade, a Concelleira de Muller e Servizos Xerais, responsable do Servizo de Drogodependencias de Lugo, Carmen Basadre, Carlos Quintas, Responsable da área de Medicina preventiva, Víctor Fraga, Director do Centro Penitenciario de Monterroso, José Luis Conde Salgado, Fiscal Antidroga de Galicia, e o Xuiz, José Antonio Varela Agrelo.

O Concello de Lugo forma parte do Comité Executivo, grazas á proposta realizada polos responsables do Plan Nacional de Drogas do Goberno de España, xunto a Edimburgo, Göteborg, Santo Domingo e Montevideo.