Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Educación e a empresa SEAT colaboran na mellora da inserción laboral do alumnado galego de Formación Profesional


# Mércores, 09/04/2008
Sánchez Piñón e o director de SEAT España asinaron un convenio en virtude do cal a empresa pon á disposición da Consellería un conxunto de vehículos e motores con fins didácticos

Alumnos de ciclos formativos a familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados poderán realizar o módulo de formación en centros de traballo en concesionarios SEAT situados en Galicia

Habilitarase no IES As Mercedes de Lugo unha aula na que se poida levar a cabo a formación complementaria para o alumnado e o profesorado destas ensinanzas


A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; e o director de SEAT España da empresa SEAT, S.A., Pedro Catena Pou; asinaron esta mediodía no Instituto de Educación Secundaria (IES) As Mercedes, de Lugo, un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa para a mellora da inserción profesional e realización de accións formativas para o alumnado de Formación Profesional (FP) da familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados. Este acordo ten como obxectivo principal facilitarlle ao alumnado participante a posibilidade de realizar en óptimas condicións a fase de formación práctica en centros de traballo e promover a súa inserción no mundo laboral.

Así, este programa de colaboración estará destinado á formación complementaria do alumnado, incluído o proxecto da formación en centros de traballo da rede comercial SEAT; e do profesorado de FP da familia profesional da familia de Mantemento vehículos autopropulsados dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación. Na formación complementaria impartiranse contidos dos programas de formación actuais destinados á rede de concesionarios SEAT do mercado español.

Neste senso, a empresa SEAT, S.A. disporá de prazas ou postos de formación nos seus centros concesionarios situados en Galicia para cada curso escolar destinadas á realización do módulo de formación en centros de traballo para o alumnado de centros públicos que curse ciclos formativos da familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados, relacionados co automóbil.

Entre o alumnado que realice en concesionarios da rede SEAT a fase de formación en centros de traballo, cuxa designación lle corresponde aos centros educativos, SEAT, S.A. poderá seleccionar as persoas que teñan a opción de seguir o programa específico de formación complementaria. Esta selección realizarase a partir de criterios de obxectividade, mediante instrumentos e técnicas que permitan coñecer a adecuación das competencias profesionais do alumnado aos perfís determinados pola empresa SEAT,S.A.; e será totalmente gratuíta para o alumnado, que recibirá a acreditación correspondente por parte de SEAT, S.A. con validez como mérito no ámbito das empresas SEAT.

Neste senso, a Consellería de Educación habilitará no IES As Mercedes, de Lugo, unha aula na que se poida levar a cabo a formación complementaria para o alumnado que curse os devanditos ciclos formativos e se adhiran ao programa; asumindo os custos e a organización do aloxamento e dos xantares destes estudantes. Así mesmo, terá lugar a formación para o profesorado de centros docentes desta familia profesional. A formación complementaria desenvolverase consonte ao proxecto, a programación e o calendario que para o efecto se acorde entre SEAT, S.A. e a Consellería de Educación.

Esta aula equiparase cos medios técnicos necesarios para a impartición dos cursos, por parte da empresa SEAT, S.A., tales como vehículos necesarios, pezas de demostración, material gráfico e audiovisual (cadernos didácticos, vídeos, etc.) e útiles e equipamentos necesarios (equipamentos de diagnóstico, ferramentas especiais propias da marca SEAT, etc.).

31 vehículos e motores aumentan o nivel tecnolóxico dos centros
En virtude deste convenio, Laura Sánchez Piñón, Pedro Cantena Pou e o director do Servizo ao Cliente da empresa SEAT, S.A., Francisco Pérez Salinas, asinaron un documento de entrega de vehículos dando cumprimento ao establecido no acordo, no que se indica que SEAT, S.A. contribuirá ao desenvolvemento de mecanismos de mellora do nivel tecnolóxico dos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación que imparten ciclos formativos da familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados e se adhiran ao programa, podendo concretar esta contribución na cesión de materiais e tecnoloxía propia da marca a estes centros docentes.

Así, esta mediodía materializouse a cesión por parte da empresa SEAT S.A. á Consellería de Educación dun total de 31 vehículos e motores da marca con fins didácticos, co obxecto de destinalos á ampliación dos recursos de formación dispoñibles nos centros de FP que imparten ensino da familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados, de xeito que se poidan aplicar para a mellora do ensino de FP inicial desta familia profesional. Estes bens inmobles quedaron adscritos a outros tantos centros educativos dependentes da Consellería correspondéndolles as facultades de xestión e conservación dos mesmos.

Tanto os representantes da comunidade educativa como os da empresa SEAT S.A. amosaron a súa satisfacción pola posta en marcha desta iniciativa.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova