Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Aberto o prazo de solicitude de subvencións para a rehabilitación do Sagrado Corazón


# Mércores, 09/04/2008
O xoves día 10 os veciños poderán comezar a presentar a documentación nas oficinas de Evislusa de 9:00 a 13:30

O Boletín Oficial da Provincia anuncia hoxe a aprobación das bases reguladoras das axudas relativas á área de Rehabilitación Integral do Sagrado Corazón, o que supón que a partir do xoves día 10 de abril os veciños poden comezar a solicitar as axudas.

Para facelo deberán presentar toda a documentación nas oficinas de rexistro de Evislusa situadas na rúa Quiroga Ballesteros, s/n, baixo, en horario de 9:00 a 13:30 horas.

O número de actuacións cualificadas de subvencionable é de 250 e as axudas serán por un importe do 80% do orzamento protexido das obras de rehabilitación, cunha contía máxima por vivenda subvencionada de 9.000 euros.

As bases esixen que se entregue unha instancia normalizada, que se poderá recoller nas mesmas dependencias da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, xunto ao orixinal ou copia compulsada do DNI/NIF do solicitante e unha memoria que recolla:

- Unha descrición do tipo de actuación que se vai levar a cabo.

- A superficie útil da vivenda.

- O orzamento de execución detallado por unidades de obra con medición e prezo (asinado polo contratista, promotor e polo técnico competente de ser o caso).

- O prazo máximo de execución das obras.

- Fotografías a cor da fachada do edificio e das zonas que se van rehabilitar.

- No caso de actuacións en elementos comúns do inmoble, cotas de participación de cada unha das vivendas sobre estes.

Deberán presentar tamén o proxecto de execución das obras, un documento acreditativo da titularidade das vivendas ou contrato de arrendamento e autorización do dono para realizar as obras, a licenza municipal de obras, unha declaración xurada de que dedicarán a vivenda a residencia habitual ou alugamento durante un prazo mínimo de 5 anos desde a finalización dos traballos de rehabilitación.

No caso de remodelación de edificios deberán acompañar a documentación dunha declaración xurada que recolla que o destino será para vivenda.

A documentación esixida, tamén implica declaracións xuradas habituais para a concesión de axudas económicas públicas, como a de estar ao corrente das obrigas tributarias.

Unha vez presentada a documentación, os técnicos municipais visitarán os inmobles para comprobar que as obras solicitadas non están xa feitas e para revisar o estado dos edificios. Trala emisión da cualificación provisional, comezarán as obras que son totalmente privadas.

A historia do Sagrado Corazón
O polígono do Sagrado Corazón edificouse na segunda metade do século XX, respondendo a un problema severo de falla de vivenda naquel momento. Foi promovido pola antiga Caja de Ahorros da Coruña e Lugo e proxectado por un arquitecto de recoñecido prestixio: Efrén García Fernández.

A súa construción comezou no 1967. Conta, a día de hoxe, con 25 edificios de uso residencial con 340 vivendas e 569 veciños, á marxe das construcións dotacionais. O 92% dos edificios ten unha antigüidade superior ós 30 anos, sen embargo a calidade das construccións é boa, polo que a rehabilitación integral será conservadora.

As principais características socioeconómicas do barrio, segundo o amplo estudo elaborado pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo, son: poboación moi envellecida–maioritariamente feminina- e en descenso, nivel de ingresos medio-baixo, un gran arraigo dos veciños co seu barrio (case a metade leva máis de 30 anos vivindo nel e o 99% quere permanecer alí) e unha valoración positiva cara a rehabilitación do mesmo.

As principais actuacións desta ambiciosa rehabilitación son:

1.- Colocación de 23 ascensores no exterior dos edificios que comunicarán coas plantas a través de pasarelas. Serán básicos para unha poboación envellecida, cunha considerable taxa de persoas discapacitadas e terán unha estética innovadora.

2.- Creación de dous ascensores públicos que comunicarán o barrio coa cidade. Estarán en Carlos Azcárraga e na rúa Fontaneira (onde existen dúas escaleiras con case 50 escalóns cada unha).

3.- Pintura, limpeza e reparación de fachadas.

4.- Reparación de todas as cubertas e eliminación das actuais uralitas. As cubertas estarán preparadas para ser accesibles, poder acoller paneis solares –como indica o Código Técnico de Edificios- ou ser tendedeiros.

5.- Reposición de instalacións comunitarias hoxe obsoletas ou en mal estado.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova