Imprimir

O CONCELLO FIXARÁ O MARTES UN CALENDARIO DEFINITIVO PARA A APROBACIÓN DO PXOM


10/4/2008 As alegacións serán contestadas individualmente sexan aceptadas ou non

López Orozco destaca que “se consensuamos o plan entre todos, iso sería un gran avance para Lugo”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco deu conta hoxe da xuntanza mantida cos grupos políticos para analizar as modificacións introducidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

López Orozco, destacou que a semana que ven se fixará definitivamente un calendario que recolla os pasos a dar para levar o documento urbanístico a Pleno. “Seguimos estudando a documentación recibida, e o traballo progresa adecuadamente. Hoxe continuamos a revisión da normativa, onde máis que ideas contrarias entre nós, o que xurden son dúbidas que queremos resolver co equipo redactor e os técnicos municipais”.

O Alcalde lucense suliñou que non se trata de diferenzas entre os partidos, “senón dúbidas que é preciso resolver polos expertos en urbanismo”.

A próxima semana, previsiblemente o martes, estará en Lugo o equipo redactor e “comezarán as reunións durante dous días cos técnicos, para fixar un calendario definitivo e aclarar as dúbidas e modificacións que haxa que facer”.

O mandatario municipal, explicou que tamén se fixarán os prazos nos que os técnicos traballarán para facer os informes, preceptivos para a aprobación do PXOM. “Marcaremos un calendario para aprobar o plan e non será en decembro como alguén dixo”.

López Orozco tamén se referiu ás alegacións que se presentaron -arredor de 6500- e asegurou que se contestarán todas de forma individual, ademais “haberá un informe dos redactores do plan aclarando a postura adoptada con cada alegación. Son documentos administrativos a partir dos que, as persoas que as presentaron, poden interpoñer algún tipo de recurso. Por iso é necesario ter ese informe que ten que ser coñecido polos tecnicos municipais”. Cando se celebre o Pleno aprobaránse e rexeitaranse as alegacións, xunto coa aprobación provisional do plan.

Lembrou ademais a “extraordinaria campaña informativa que se fixo deste plan, con información puntual por cada barrio, unha exposición pública sen precedentes, comunicacións directas cos veciños... Todos sabemos agora algo máis de urbanismo e a iso contribuímos nós”

O Carmen: “sempre estivemos cos veciños”
En aspectos concretos López Orozco referiuse ao barrio do Carmen. “Agora dámoslle unha solución definitiva a unha sentenza xudicial e a unha reivindicación veciñal. O meu grupo defendeu sempre, na oposición e no goberno, a postura dos veciños.

Explicou que na ficha que revisaron hoxe os tres grupos, queda un espazo para dotacións públicas de máis de 12.000 metros cadrados e zonas verdes de máis de 27.000 metros cadrados:“creo que se acertou no polígono do Carmen”. Nesta zona quedan tamén zonas residenciais e, para outros usos, explicou que as redactoras establecen un máximo do 5% cando a súa idea é que se debe fixar un mínimo, pero non un máximo.

López Orozco dixo estar satisfeitos de como van as cousas, se isto da lugar a un plan consensuado con toda a cidadanía “iso sería un avance”.

O Alcalde tamén explicou que o Plan respectará a lei no relativo á reserva de solo para vivenda de promoción pública “non podemos poñer agora no plan algo que teñamos que cambiar en pouco tempo porque nos obriga a lei”.