Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Arrinca a XXXVI edición do Festival de Música Cidade de Lugo cun concerto da Real Filharmonía de Galicia


# Venres, 11/04/2008
Será mañá sábado no Círculo das Artes ás 20:30 horas

Comeza a edición número XXXVI do decano dos festivais galegos de música clásica: o Festival de Música Cidade de Lugo.Semana do Corpus. Durante os próximos dous meses encherá de música a cidade cos dezaoito concertos que se celebrarán ata o 4 de xuño en diferentes lugares como o Círculo das Artes, o Conservatorio de Música, a Igrexa de San Pedro e a sede de Fundación Caixa Galicia.

O festival do 2008 chega cargado de novas caras, de contrastado prestixio internacional, como as dos directores Frans Brüggen e Ottavio Dantone, a pianista Joanna MacGregor, os cantantes Simone Kermes, Carolyn Sampson, José Manuel Zapata, Manuela Custer, Xavier Sábata, etc., que se unen a colaboradores habituais do festival como Roger Vignoles, Rubén Fernández Aguirre, Mark Padmore, Plamen Velev, Kennedy Moretti, Florian Vlashi ou Julius Drake.

O festival comeza este ano un pouco máis cedo do habitual cun concerto de gran formato no que participan a Real Filharmonía de Galicia, o Coro de Cámara do Palau de la Música de Barcelona e seis cantantes solistas, todos dirixidos polo coñecido e veterán director holandés Frans Bruggen. A cita será mañá sábado, 12 de abril, ás 20:30 horas no Círculo das Artes. A obra coa que se inaugurará este Festival de Música Cidade de Lugo é A paixón segundo San Xoán de Johann Sebastian Bach (unha das dúas paixóns que se conservan do compositor barroco alemán).

Os cantantes que interpretarán os diferentes papeis, entre os que destacan os do Evanxelista e Xesús, estarán interpretados pola soprano alemá Martina Rüping, o contratenor belga Patrick van Goethem, dous tenores (o holandés Nico van de Meel e o alemán Donat Havar) e dous barítonos (o catalán Joan Martín Royo e o alemán André Morsch).
A entrada será gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

A seguinte cita do festival será a próxima semana, o mércores 16, no Círculo das Artes, co espectáculo Undercastration: tras os pasos de Francesco Bernardi il Senesino protagonizado polo contratenor catalán Xavier Sábata que dirixe escenicamente Jordi Prat i Coll.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova