Cargando....
Concello de Lugo
09/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello prepara un completo programa de actividades para as mozas e mozos


# Venres, 11/04/2008
A programación é unha selección realizada polos rapaces e rapazas lucenses a través da web do Concello, das asociacións e radares xuvenís

A Concellería abrirá un novo punto de información xuvenil na praza do Castiñeiro

A Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, anunciou que a súa Concellería está a preparar tódalas actividades que a nova edición do Elixe 2008 vai ofertar proximamente.

Basadre explicou que “por primeira vez neste programa déuselle oportunidade ás mozas e mozos da cidade de elixir o tipo de actividades de ocio que desexan realizar e de amosar as súas inquedanzas neste senso”. Así, contando cunha sondaxe realizada a través da páxina web do Concello e coas suxestións feitas polas Asociacións Xuvenís e dos Radares Xuvenís, o Servizo de Xuventude abrirá próximamente a participación nos seguintes obradoiros:

- Musicoterapia: un taller no que facendo uso dos sons, trazos musicais e estruturas rítmicas conséguense resultados directos e indirectos a nivel psicolóxico, psicomotriz, orgánico e enerxético ou o que é o mesmo, emprégase a música para mellorar a aprendizaxe, a coordinación e a resistencia física.

- Curso de hip-hop: con raíces na música africana, o curso de hip-hop vaille ofrecer a oportunidade aos xoves que participen no mesmo de iniciarse neste movemento popular e cultural a través dos 5 elementos que o conforman: o breakdance, o rap, iniciación radiofónica, graffiti e D.J.

- Ciencia Divertida: un obradoiro para adentrarse no mundo da ciencia dun xeito lúdico e recreativo, achegándonos ao seu segredo no que as rapazas e rapazas poderán descubrir que a ciencia pode ser a conxugación de tan só dous elementos: educación e entremento.

- Interpretación de soños e filtros de amor: aprenderemos a interpretar os nosos soños encamiñándoos ao noso crecemento persoal e como proxección de nós mesmos, dos nosos problemas, dos nosos desexos e, mesmo das nosas alegrías. Así mesmo, coñeceremos que materiais nos ofrecen os tres reinos da natureza para a elaboración dos nosos feitizos de amor.

- Curso de curtometraxes e elaboración de medios audiovisuais: en convenio coa fundación T.I.C. este obradoiro centrarase no pulo e consolidación do emprego das diferentes tecnoloxías, fundamentais hoxe en día dentro da que está considerada como sociedade da información.

Por outra banda, a Concelleira indicou que se está a preparar tamén a festa do Arde Lucus MMVIII que se vai a celebrar os días 20, 21 e 22 de xuño. Basadre recordou que “todos os que desexen participar nos obradoiros de coiro e de corazas para a confección dos traxes cos que os lucenses se vestirán nesta festividade, poden facer xa a súa inscrición no propio departamento de Xuventude”.

Deporte nos centros
Basadre anunció, tamén, que o grupo de radares xuvenís no que están a participar os centros A Nosa Señora dos Ollos Grandes, Politécnico, Poeta Manuel Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, A Piringalla, Anxel Fole e Xoan Montes, organizaron un campionato de dúas modalidades deportivas: fútbol sala e baloncesto. Cada un dos equipos participantes terá que estar formado por seis persoas e recoller a súa solicitude de inscrición na Oficina de Información Xuvenil, na Casa da Música e nos locais dos radares nos centros. Segundo a Concelleira o obxectivo desta nova edición do campionato e superar a participación de 25 equipos do ano pasado.

Novo punto de atención
Carmen Basadre, revelou hoxe que o vindeiro venres 18 de abril, porase en funcionamento un novo Punto de Atención Xuvenil na praza do Castiñeiro. O centro estará aberto de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas. A Concelleira explicou que “o seu obxectivo é traballar na rúa cos rapaces e rapazas deste barrio que deixaron os estudos e que está sen ocupación, queremos buscar algo que lles motive para formarse e aprender un emprego”.

A inauguración contará con actividades grupais: obradoiros de pulseiras, creacións pictóricas, malabares, fútbol pluma, karaoke, música, indiaka.

Actividades musicais
Ademais, Basadre fixo balance das actividades da Casa da Música na que están a ensaiar un total de 11 grupos de diversos estilos musicais, que abarcabn dende o folk, ás tendencias do rock. Cada un destes grupos está empregando as salas insonorizadas as seis horas semanais das que dispoñen para ensaiar.

A Casa da Música tamén acolleu dúas sesións musicais no que vai de ano: a primeira contou coa participación dos grupos Arrincaddeira, Delawe e Adefesio e a segunda coa presenza de Killer e o cantautor David Taboada.

Prevención e igualdade
A Concelleira aproveitou a ocasión para anunciar que ao longo do ano, vense realizando, dentro do programa PREVILugo unha serie de obradoiros de diferentes temáticas nos que se traballan aspectos relacionados coa educación en normas, actitudes e valores. Neste curso académico están a participar máis de 1.200 rapaces e rapazas, alumnado da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional. Os centro que están a participar na actividade so: IES Xoán Montes, ES Politécnico, Sanxillao, Ánxel Fole, As Mercedes, Leiras Pulpeiro, Maristas e Divino Maestro.

Dentro do proxecto para a Igualdade desenvolveuse dende o mes de novembro un obradoiro de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, entre alumnos do segundo ciclo da ESO. En total, foron 270 alumnos do IES Lucus Augusti, 60 do IES Xoan Montes, 270 do IES Ánxel Fole, 60 do Sanxillao e 60 no Divino Maestro, os que a través de diferentes actividades comprenderon a detectar as conductas violentas e a necesidade do fomento da igualdade.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova