Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e a Deputación organizan unha andaina pola Vía Romana XIX


# Luns, 14/04/2008
Polo Concello de Lugo discorren arredor de 40 quilómetros das vías romanas

Será o sábado 19 de abril a partir das 10 da mañá

Permitirá coñecer in situ o primeiro treito da vía XIX do itinerario de Antonino


O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial de Lugo, Lara Méndez, presentaron a andaina pola Vía Romana XIX que terá lugar este sábado, como remate aos tres anos de intensos traballos realizados no marco do proxecto europeo Vías Atlánticas. Esta andaina, que comezará no Concello de Lugo e rematará no lugar de Tórdea, no Concello de Castroverde, servirá de inauguración do itinerario cultural, tralo seu acondicionamento e sinalización.

López Orozco destacou a importancia do pasado romano para todos os lucenses: “Seguro que coñecen aquel dito popular de que todos os camiños levan a Roma. Pois se o Concello e a Deputación de Lugo poden levar aos seus veciños a gozar da época romana, moito mellor”.

Con esta andaina ponse punto e final a un ambicioso proxecto europeo Interreg III no que participaron o Concello de Lugo, as Deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, o CSIC, a Universidade de Santiago e os Concellos portugueses de Braga, Vilaverde, Ponte de Lima, Paredes de Coura e Valença do Miño.

Esta andaina está organizada conxuntamente polo Concello de Lugo e o INLUDES -dependente da Deputación-, dúas institucións que, como destacou o Alcalde lucense “están a levar dentro do proxecto Vías Atlánticas unha estreita colaboración, froito da cal non só faremos a convocatoria desta andaina senón que, xa lles adianto a inmediata publicación de 2.000 exemplares en galego e castelán dunha Guía do Itinerario Cultural da VIA ROMANA XIX”.

Esta guía, que verá a luz en poucas semanas, centrarase no treito oriental da provincia de Lugo, en concreto entre a cidade de Lugo e o Alto do Comeal, na Serra dos Ancares, xusto no límite coa provincia de León.

O proxecto Vías Atlánticas tamén conta con material promocional como, por exemplo, un dvd multimedia interactivo ou un marcapáxinas que representa o símbolo do proxecto.

A andaina que sairá da Praza de Armanyá ás 10:00 horas, dende o monumento que conmemora a importancia de Lvcvs Avgvsti como epicentro viario do noroeste peninsular. Alí terá lugar a inauguración oficial desta iniciativa, que permitirá coñecer in situ o primeiro treito da vía XIX do itinerario de Antonino, no que será posible contemplar varios restos de miliario romanos.

López Orozco suliñou que o itinerario incluirá “a primeira das cinco etapas en que se divide o Itinerario Cultural da Vía Romana XIX na parte oriental da Provincia de Lugo”. Terá un percorrido de 26 quilómetros, atravesando os Concellos de Lugo, O Corgo e Castroverde, e será completado misturando treitos a pé e outros en autobús, contemplando os principais elementos patrimonais e paisaxísticos da provincia.

Pasado romano en Lugo
O Concello de Lugo xoga un papel moi destacado no proxecto Vías Atlánticas porque polo seu territorio discorren arredor de 40 quilómetros destas vías romanas e a cidade foi a capital da Gallaecia romana septentrional que hoxe conta co legado máis importante daquela época: a muralla romana Patrimonio da Humanidade dende o ano 2000.

A Vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, lembrou a importancia deste proxecto para poñer en valor o pasado da provincia de Lugo. “O Proxecto Vías Atlánticas conta cun orzamento total de 1.670.640 euros dos cales 1.253.000 son cofinanciación FEDER”.

Lara Méndez explicou que esta camiñata permitirá que moitos veciños e veciñas “comprendan a grandiosidade do noso pasado romano e das antigas vías de comunicación, construídas e extendidas polo Imperio”. Hai aproximadamente dous mil anos, no noroeste de Hispania, o emperador Octavio Augusto iniciaba a construción da rede viaria. Todos os estudos demostran que así tiñan controlada politica e administrativamente o seu territorio, a súa explotación, riquezas naturais e o transporte de viaxeiros e mercadorías.

Méndez suliñou que a recuperación e conservación da vía romana XIX, “a máis longa de todas, a Autopista Romana do Noroeste”, é a finalidade do proxecto VÍAS ATLÁNTICAS. “España e Portugal unímonos co obxectivo común de delimitar o treito orixinal, así como identifcar e conservar os restos arqueolóxicos”.

Con este proxecto o obxectivo dos socios participantes é potenciar o turismo cultural e medio ambiental, promovendo un novo itinerario turístico e transfronteirizo seguindo as calzadas romanas que unían o norte de Portugal e as provincias galegas de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

Para lograr este obxectivo, as institucións levaron a cabo diferentes estudos científicos sobre a delimitación das vías, así como traballos de limpeza. Deseñáronse 148 sinais, dos que arredor de 25 foron instalados polo Concello de Lugo, e 123 serán os que coloque o INLUDES, este último cun orzamento de 75.000 euros.

No marco deste proxecto, a Vicepresidenta provincial explicou que “a Deputación de Lugo entre outras accións, realizou o estudo de delimitación e prospección arqueolóxica do sector oriental da Vía XIX ao seu paso pola provincia de Lugo”. A principal conclusión deste traballo arqueolóxico foi que esta vía atravesaba os actuais concellos do Corgo, Baralla, Castroverde, Becerreá e Cervantes. “Por iso, precisamente serán invitados a participar nesta andaina os alcaldes destes 5 concellos”.

Percorrido previsto
A andaina comeza na Praza de Armanyá, continúa a pé polo centro histórico de Lugo, vendo a sinalización urbana colocada polo Concello, e visitando os centros arqueolóxicos de Doutor Castro e San Roque.

Desde o Centro arqueolóxico de San Roque, os participantes serán trasladados en autobús ata o lugar de Viador para iniciar a andaina propiamente dita, que durará uns 6 quilómetros, rematando a xornada de mañá no pobo de Adai (Concello de O Corgo), onde se convidará aos participantes a un xantar campestre e onde tamén se levará a cabo unha exhibición sorpresa vinculada á reconstrución histórica da época romana.

Tras o xantar os participantes volverán a ser trasladados en autobús ata a capela das Virtudes, onde continuará a andaina durante outros 6 quilómetros, vendo varios dos lombos orixinarios da via romana XIX e outros elementos interesantes do noso patrimonio cultural e paisaxístico.

Finalmente a xornada rematará na igrexa de Tórdea (Concello de Castroverde), lugar elixido como remate da primeira etapa do itinerario cultural da Vía Romana XIX, dado os importantes vestixios de diferentes épocas que nela se agochan. O regreso á cidade de Lugo efectuarase en autobús aproximadamente ás oito da tarde.

Inscricións
A inscrición é gratuita e está aberta a todas as persoas que queiran participar. A inscrición efectuarase vía telefónica no Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo (982-29 72 36) ou no correo-electrónico: covadonga.carrenoarrobaconcellodelugo.org. O número de prazas é limitado, ata 40, e as peticións aceptaranse por rigorosa orde de chegada.

Os que o desexen poderán atopar máis información na web: www.viasatlanticas.org


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova