Imprimir

OS PARTICIPANTES NA ANDAINA POLA VÍA XIX COÑECERÁN O PRIMEIRO TREITO DO ITINERARIO DE ANTONINO


17/4/2008 Sairá o sábado 19 de abril ás 10:00 horas da Praza Armanyá

O vindeiro sábado 19 de abril, celébrase unha andaina pola Vía Romana XIX para poñer punto e final aos tres anos de traballo realizados no marco do proxecto europeo Vías Atlánticas. Esta andaina, que comezará no Concello de Lugo e rematará no lugar de Tórdea, no Concello de Castroverde, servirá de inauguración do itinerario cultural, tralo seu acondicionamento e sinalización.

Con esta andaina remata o ambicioso proxecto europeo Interreg III no que participaron o Concello de Lugo, as Deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, o CSIC, a Universidade de Santiago e os Concellos portugueses de Braga, Vilaverde, Ponte de Lima, Paredes de Coura e Valença do Miño.

O percorrido de 26 quilómetros comezará na Praza de Armanyá ás 10:00 horas, dende o monumento que conmemora a importancia de Lvcvs Avgvsti como epicentro viario do noroeste peninsular. Alí terá lugar a saída desta iniciativa, que permitirá coñecer in situ o primeiro treito da vía XIX do itinerario de Antonino, no que será posible contemplar varios restos de miliario romanos. O itinerario continúa a pé polo centro histórico de Lugo, vendo a sinalización urbana colocada polo Concello, e visitando os centros arqueolóxicos de Doutor Castro e San Roque.

A andaina percorrerá a primeira das cinco etapas en que se divide o Itinerario Cultural da Vía Romana XIX na parte oriental da Provincia de Lugo, atravesando os Concellos de Lugo, O Corgo e Castroverde, e será completado misturando treitos a pé e outros en autobús, contemplando os principais elementos patrimonais e paisaxísticos da provincia.