Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo recibe do Colexio de Aparelladores a memoria e unha maqueta da Fonte dos Leóns


# Xoves, 17/04/2008


O Alcalde de Lugo recibiu aos responsables do Colexio de Aparelladores de Lugo co seu presidente, José María López Vega á fronte, que lle fixeron entrega da Memoria que recolle o traballo de restauración da Fonte dos Léons.

O mandatario lucense destacou que “non hai mellor exemplo de como se fai unha cidade que o traballo conxunto para conseguir un obxectivo común”.

O Colexio de aparelladores fixo entrega ao Concello dunha réplica exacta da Fonte dos Leóns e dunha Memoria completa que recolle cada un dos pasos que se deron para a recuperación deste símbolo que durante moito tempo estivo instalado na principal Praza da cidade.

De feito foi no ano 1914 cando se desmantelou e as súas pezas foron distribuidas por Lugo. Os leóns quedaron na Praza de España e a Matrona foi trasladada ao parque. Como lembrou o Alcalde, “o brocal da fonte púxoo á nosa disposición a familia Varela Villamor para que o empregásemos se recuperábamos a fonte”.

Foi López Orozco o que lle plantexou ao Colexio de Aparelladores que recuperase este proxecto que levaba anos paralizado co goberno anterior. Este colexio revisou e adaptou os planos do ano 1992.

A Fonte dos Leóns é do ano 1855 e contratouse ao escultor Paciano Guitar, para que realizase en barro cocido os moldes do grupo escultórico formado por Matrona coroada -representa a España-, apoiada nun gran escudo e custodiada por un león en actitude de descanso.

O traballo foi contratado ás Reais Fábricas de Sargadelos cun orzamento de 38.539 reais e as pezas chegaron dende A Coruña en carretas de bois.
Recuperación da fonte
As obras de restauración tiveron un orzamento superior aos 220.000 euros e contaron coa axuda de institucións, empresas, particulares e entidades financeiras. Deron comezo no mes de xaneiro do ano pasado e contemplaron a instalación do conxunto monumental recuperado sobre unha glorieta de 14 metros de diámetro. A fonte ten 8,6 metros, polo que está rodeada dunha ladeira de terra de 30 centímetros de ancho.

A matrona ten 3 metros de alto e un peso de 3.500 quilos, cada un dos leóns pesa 300 quilos.

Na fonte actual consérvase o deseño orixinal para manter a súa esencia, pero conta con alumeado e un circuíto pechado de auga, para darlle un toque de modernidade.

A fonte dos leóns volveu a funcionar en maio de 2007 nunha nova ubicación, na Praza de Avilés, e con novas pezas feitas en bronce. As orixinais serán musealizadas e expostas nun lugar que as protexa das inclemencias do tempo.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova