Cargando....
Concello de Lugo
20/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Ensemble s21 protagonizarán o terceiro concerto do XXXVI Festival de Música Cidade de Lugo


# Domingo, 20/04/2008
Será o luns 21 de abril no Conservatorio Profesional de Música

Sen dúbida merece unha atención especial o terceiro concerto desta trixésimosexta edición do Festival de Música Cidade de Lugo no que se presenta unha nova agrupación integrada por músicos galegos que nace co obxectivo de difundir a música contemporánea prestando unha especial atención aos autores galegos actuais.

Este Ensemble s21 está formado polo violoncellista Carlos García Amigo, o violinista Jorge Montes, o clarinetista Vicente López e o pianista Julio Mourenza e conta coa dirección artística de Paco Yáñez. Con esta actuación do Ensemble s21 o luns 21de abril no Conservatorio Profesional de Música o festival lucense conmemora o centenario dunha das figuras máis senlleiras da creación musical do século XX, o francés Olivier Messiaen: e o facemos coa audición dunha das súas obras emblemáticas, o dramático Cuarteto para a fin dos tempos, obra que compuxo en circunstancias adversas extremas, mentres sufría as consecuencias da sinrazón nazi nun campo de concentración durante a Segunda Guerra Mundial.

Previamente á audición deste Cuarteto, o Ensemble s21 interpretará ademais obras doutros dous clásicos do século XX: o austríaco Anton Webern e o italiano Luciano Berio. No seu concerto tamén sonará as melodías dun autor da terra, do músico e compositor actual Canco López.

Para este concerto o Ensemble s21 contará coa enriquecedora colaboración como narrador do actor Carlos Álvarez-Ossorio .

A entrada é gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

A seguinte cita do festival será a próximo xoves 24 de abril, tamén no auditorio do Conservatorio Profesional de Música, coa suxerente presenza dunha das grandes figuras desta edición do festival, a experimentada, inspirada e sensible pianista inglesa Joanna MacGregor.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova