Imprimir

O CONCELLO DE LUGO E O CXG PRESENTAN O SEGUNDO CONCURSO LINGUA DE AMOR


21/4/2008 O seu obxectivo e dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, a Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, e a Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia (CXG), María Dolores Rodríguez Amoroso, presentaron a segunda edición de Lingua de Amor, un concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico.

Como explicou a presidenta do CXG, Lingua de Amor ten como obxectivo principal dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos en espazos de comunicación habituais para eles como son os correos electrónicos, chats, foros, sms...

Neste senso, Concepción Burgo, afirmou que “se trata dun concurso moi orixinal no que se une o idioma coas novas tecnoloxías, dando proba de que non só é unha lingua para a cultura senón que se pode empregar en todos os eidos da vida”.

Pola súa banda, Carmen Basdre, animou aos rapaces a participar e a sacar aquelo que levan dentro de sensibilidade e que o reflictan nas súas mensaxes.

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina web www.linguadeamor.eu e enviar unha declaración de amor en galego (máximo 350 caracteres). A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.

Nesta edición establécense, como novidade, dúas categorías de idade (de 14 a 19 anos e de 20 a 30). En canto aos premios, haberá tres por cada unha das categorías:

Categoría A:

1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego
2º DVD portátil + un lote de libros en galego
3º MP3 + un lote de libros en galego

Categoría B:

1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego
2º Ordenador portátil + un lote de libros en galego
3º TV LCD 19” + un lote de libros en galego

Ademais, os 200 primeiros participantes recibirán un agasallo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os nomes dos gañadores faranse públicos o 16 de maio de 2007 na páxina do concurso, e a entrega de premios celebrarase en Lugo o 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día Internacional da Internet.