Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Joanna MacGregor debuta en Galicia no Festival de Música Cidade de Lugo


# Mércores, 23/04/2008
A polifacética pianista é unha das citas estrela do festival

O piano convertiuse nas últimas dúas edicións, coa participación reputados solistas como Nicolai Lugansky ou Paul Lewis, nunha das apostas máis firmes do festival. E este ano continúa nesa liña coa participación dunha singular e polifacética artista como Joanna MacGregor.

O seu concerto, mañá xoves 24 de abril no auditorio do Conservatorio Profesional de Música, é sen dúbida unha das citas imprescindibles desta edición do Festival de Música Cidade de Lugo xa que ademais supón o debut en Galicia dunha artista da categoría da pianista inglesa.

O programa está á altura dun pianista experimentado, inspirado e sensible como Joanna Macgregor. A primeira parte está dedicada aos preludios e fugas pianísticos de Bach e Shostakovich e supón unha boa oportunidade para comparar e admirar a inspiración común de dous mundos apartentemente tan lonxanos pero probablemente máis próximos do que imaxinamos, como o Barroco de Johann Sebastian Bach e a creación contemporánea, representada polo compositor ruso Dmitri Shostakovich, un dos autores emblemáticos do século XX.

Na segunda parte poderemos aprezar de primeira man unha das características fundamentais da carreira de MacGregor que gusta de traspasar as fronteiras do que adoita ser un recital de piano ao uso: os ritmos brasileiros de Carlos Jobim, Vinicius de Moraes ou Egberto Gismonti e americanos de George Gershwin seguro adquirirán unha transcendencia especial nas mans da pianista inglesa.

A entrada é gratuíta (ata completar o aforo do local) como é habitual no festival.

As seguintes citas do festival serán a próximo sábado 26 de abril co primeiro dos concertos do Corpus dos nenos: A historia do soldado de Stravinski e o martes, día 29, coa primeira das citas de música de cámara do festival: o concerto dedicado á viola no Conservatorio protagonizado por Tilmann Kircher.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova