Imprimir

UNS 700 RAPACES E RAPAZAS PARTICIPARÁN NAS IX XORNADAS DE ARTES ESCÉNICAS


24/4/2008 As xornadas terán lugar nos meses de maio e xuño

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, a directora do Colexio Fingoi, Asunción Fernández, e Alba Fernández, actriz do grupo de Teatro Palimoco, presentaron hoxe as novenas Xornadas de Artes Escénicas.

A Concelleira afirmou que “esta edición será todo un éxito, xa que contará coa participación de 700 rapaces e rapazas das catro provincias galegas que subirán ao escenario a mostrar a súa creatividade”.

Serán un total de 28 grupos e 29 actuacións en 19 días de xornadas.

Unha das novidades desta edición serán os coloquios que varios grupos farán despois do visionado das obras do día. Ademais, música estará máis presente este ano con audicións de guitarra, piano, gaita, e orquestra.

Outra das principais novidades será a aparición do cine nas xornadas. O sétimo arte subirá a escena no CURTOCINEFINGOI.

Por outra banda a danza pechará como colofón estas Xornadas, que agardamos traian as emocións, os sorrisos, os soños que cada ano se ven nas caras dos que participan, tanto activamente como a dos espectadores que voan na imaxinación dos que contan historias.

Segundo explicaron os organizadores do evento, o presuposto para esta edición, entre 8.000 e 9.000 euros, é superior ao dos anos anteriores polo incremento do número de participantes.

Os interesados en participar deberán enviar a súa solicitude opr correo certificado ao Colexio Fingoi, rúa Aviación Española nº37, 27002, Lugo.

Para calquera dúbida podese chamar aos teléfonos de Palimoco Teatro: 686 701 644 (Laura García) ou 649 948 266 (Paloma Lugilde).