Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Caixa Galicia inaugura en Lugo a mostra ¿O abano español. A colección do Marqués de Colomina¿


# Xoves, 24/04/2008
A comisaria ofrecerá unha conferencia ás 20.00 horas sobre esta expresión artística

Esta exposición, que se estrea en Lugo, viaxará despois a Ferroi e máis tarde, a Valencia

A concelleira de Cultura de Lugo, Concepción Burgo, e máis a subdirectora de Programación da Fundación Caixa Galicia, Rosario Sarmiento, presentaron este xoves en Lugo a exposición “O abano español. A colección do Marqués de Colomina”, unha selección de obras mestras propiedade dos herdeiros de quen foi o maior fabricante de abanos valenciano, e que se poderá visitar neste espazo ata o vindeiro 22 de xuño.

Ás 18.00 horas abriranse as portas dunha mostra que exhibe, en total, 94 abanos que datan do século XVIII aos anos corenta do século XX. Do total, 82 pertencen á colección do afamado artesán valenciano, mentres que 11 proceden do Palacio Real de Madrid e outro, do Museo Nacional de Cerámica y Artes Suntuarias González Martí.

Carmen Rodrigo Zarzosa, a comisaria da exposición, será a encargada de ofrecer unha conferencia esta tarde ás 20.00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, na que falará sobre a ‘Evolución da arte do abano do s. XVIII ao s. XX’.

A exposición -que se enmarca dentro do convenio cultural que recentemente asinaron a Fundación Caixa Galicia e o Concello de Lugo- segue un discurso en secuencia cronolóxica, que abrangue a produción máis dende un reducido grupo de abanos do século XVIII ata os máis recentes, que datan sobre o 1940.

Segundo a información ofrecida polos organizadores, José Colomina Arquer (1809-1875) foi un dos primeiros fabricantes de abanos valencianos e, sobre todo, o máis prestixioso. Comeza a súa actividade cara ao 1840 e, debido aos seus méritos como impulsor desta industria, Amadeo de Savoia noméao Marqués de Colomina en 1872.

Durante o século XIX, realiza abanos de calidade, ocupándose tamén de mellorar o proceso de fabricación por medio de inventos debidamente rexistrados, cos que achegou novidades moi pronto adoptadas por outros industriais. Tamén se empeñou con éxito en exportar o seu produto ao estranxeiro, tanto a Europa coma a países de América.

Da selección que pode verse dende hoxe no Café Moderno da Fundación Caixa Galicia, case todos eles pertencen da época de actividade do Marqués (1840-1875). Incluíronse da mesma colección algúns exemplares doutros fabricantes do século XVIII e comezos do XIX para ilustrar os antecedentes e o contexto artístico no que iniciou a súa actividade.

Os estilos que abrangue Colomina son o estilo cristino (Rexencia de Mª Cristina de Borbón, 1833-1844), estilo isabelino (Reinado de Isabel II, 1844-1868), abano pericón, (Rexencia de Mª Cristina de Habsburgo, 1885-1895) e estilo afonsino (Reinado de Afonso XIII, 1902-1931). A temática é moi variada, contando con motivos históricos, relixiosos, revival, mitolóxicos, de xénero, galantes, bucólico-pastorís ou infantís.

Os países adoitaban ser de pelica ou satén pintados ao gouache (pintura augada) por excelentes pintores. A mestría do traballo na montura –de nácara, marfil, cuncha, óso, madeira de sándalo ou ébano– con exquisitos deseños gravados e calados, contribúe a conseguir un resultado final de alto nivel técnico e artístico.

Inclúense tamén algúns abanos orientais da colección, que mostran a calidade no lacado das armazóns de variñas e o exotismo temático. Exportábanos dende o porto de Cantón a partir de 1840, a prezos moi accesibles. Destacan os das Mil caras ou mandarín con escenas de corte a base de numerosos personaxes dispostos en terrazas, con caras de placas de marfil pintado e vestidos de seda sobrepostos.

Era tal o seu prestixio que Isabel II outorgoulle en 1856 o privilexio de pór as Armas Reais na súa fábrica de Valencia, e nas sucursais de Madrid, Sevilla e Cádiz. A partir de entón os encargos da Casa Real foron numerosos, dos cales incluímos na exposición 11 exemplares, procedentes do Palacio Real de Madrid, moi interesantes pola súa calidade e por ser testemuño da historia desta fábrica.

Destacan o da Visita a Valencia en 1888 de la Regente Mª Cristina de Habsburgo, con motivos alusivos a Valencia e o Retrato de la Reina Victoria Eugenia con sus hijos, de 1915, con aplicación de técnica fotográfica.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova