Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Política Territorial abre o concurso de ideas para a construción do novo Auditorio da cidade de Lugo


# Venres, 25/04/2008
Poderán optar todos os arquitectos e equipos de arquitectos que o desexen, dos cales serán seleccionados cinco que deberán aportar un anteproxecto

O xurado do concurso, como órgano colexiado, elixirá ao gañador en función dos criterios establecidos no prego de condicións

A conselleira María José Caride asegurou hoxe que as obras se iniciarán e o vindeiro ano


O edificio contará cun gran salón de actos con aforo para 900 persoas

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, abriu o concurso de ideas para a construción do novo auditorio da cidade de Lugo en Magoi. Hoxe mesmo a CPTOPT publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio da convocatoria deste concurso de ideas para a selección dun anteproxecto do novo edificio.

O concurso convocado segue o procedemento restrinxido, isto é, o xurado realizará unha primeira selección de entre todos os arquitectos que presenten solicitudes. Así, segundo se establecen nas bases do concurso, na primeira fase poderán presentarse todos os arquitectos ou equipos de arquitectos que o desexen nun prazo de 15 días a partir desta publicación no DOG. Posteriormente o xurado, como órgano colexiado, seleccionará -en función dos méritos e logo de comprobar os seus requisitos de capacidade e solvencia- a cinco concursantes que serán invitados a participar na segunda fase do concurso coa presentación dun anteproxecto (para o que dispoñen dun prazo de 45 días). Entre estes cinco finalistas o xurado elixirá a mellor proposta e encargará ao seu autor ou autores que elaboren o proxecto do novo auditorio.

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, nunha entrevista esta mañá na TVG, asegurou que a intención da CPTOPT é que o procedemento “sexa o máis áxil posible” de tal forma que no vindeiro ano se podan empezar as obras. Así mesmo, a conselleira destacou “o compromiso da Xunta de Galicia con Lugo que se ve ratificado hoxe coa convocatoria deste concurso como paso previo a que o auditorio sexa unha realidade”.

A CPTOPT destina un total de 100.000 euros en premios para este concurso de ideas de xeito que o autor do anteproxecto gañador, ademais de ser o encargado de elaborar o proxecto definitivo, recibirá un premio de 50.000 euros. Outorgaranse tamén premios de 30.000 euros ao segundo clasificado e de 20.000 euros ao terceiro.

O xurado estará formado polo seu presidente (o cargo de director xeral de Urbanismo), cinco vogais (dous representantes da Consellería de Política Territorial, un designado polo Concello de Lugo, outro pola Consellería de Vivenda e Solo e outro en representación do Colexio de Arquitectos de Galicia), un representante da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e outro da Intervención Xeral da Xunta.

Para a selección dos arquitectos na primeira fase do concurso, o xurado valorará a experiencia e calidade contrastada, os premios e distincións obtidas no exercicio da profesión así como outros méritos contrastados. Para a segunda fase, os traballos presentados serán valorados en función dos criterios de valor arquitectónico, artístico e calidade do deseño; de viabilidade funcional, técnica e económica; e de sostenibilidade do deseño e custe de mantemento e conservación. Tamén se avaliarán aspectos como a integración no contexto urbano, a idoneidade dos medios que os concursantes de comprometen a achegar para a redacción do proxecto e o prazo no que se comprometen a entregar o proxecto básico e de execución.

Datos técnicos
O investimento estimado pola Dirección Xeral de Urbanismo para a construción do auditorio de Lugo ascende a 15,5 millóns de euros. Con estas previsións, a Consellería de Política Territorial xa ten reservado un fondo inicial de 14 millóns de euros (fronte aos cinco previstos polo anterior Executivo) para garantir a materialización do novo edificio, que terá unha superficie total construída de 9.000 m2.

Segundo o prego de características técnicas establecidas no concurso, o futuro auditorio de Lugo contará cun gran salón de actos con aforo para 900 persoas (entre patio de butacas e anfiteatro), e con outra sala de teatro, concertos e conferencias con aforo para 300 persoas.

Así mesmo, disporá dunha área complementaria para congresos e exposicións (de 500 m2 de superficie), escola de música (con catro aulas con almacén para instrumentos), mediateca (dotada con sala de lectura e consulta, área de información e préstamos, arquivo, sala de proxeccións e cabinas individuais) e zonas de usos públicos colectivos e área administrativa. Tamén se construirá un aparcadoiro que contará con 300 prazas como mínimo.

A construción do auditorio é posible grazas ao acordo a catro bandas asinado entre as consellerías de Política Territorial, Cultura e Vivenda e o Concello de Lugo.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova