Cargando....
Concello de Lugo
06/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Servizo Galego de Saúde investiu 93.000 euros en dotar a todos os centros de saúde de Lugo de desfibriladores e outros 14.400 euros en 23 pulsioxímetros


# Martes, 29/04/2008
A conselleira de Sanidade salienta que a dotación de equipamento de diagnóstico son dous exemplos do que é o Plan de Mellora de Atención Primaria

María José Rubio Vidal agradece ao persoal a súa colaboración na posta en marcha dos plans de mellora da asistencia sanitaria en toda Galicia

A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, María José Rubio Vidal, visitou hoxe a provincia de Lugo para facer entrega no Consultorio de Nadela do último dos desfibriladores destinados a centros de saúde da provincia. No acto, estivo acompañada polo Alcalde de Lugo, José López Orozco.

Na mesma xornada asistiu á posta en marcha do servizo de teledermatoloxía de Quiroga, que permitirá a integración das probas na historia clínica electrónica única para Atención Primaria e Especializada.

Na súa estadía en Nadela-Lugo, a conselleira de Sanidade salientou que dende mediados do pasado ano o Servizo Galego de Saúde está a distribuír un total de 31 desfibriladores nos centros de saúde da provincia, o que “supuxo un investimento de preto de 93.000 euros”.

Os desfibriladores son aparellos semi-automáticos de moi sinxelo manexo, que salvan moitas vidas naqueles pacientes que no transcorrer inicial dun infarto agudo de miocardio, antes de chegar ao hospital, puideran sufrir unha fibrilación ventricular inevitablemente mortal.

Toda esta iniciativa forma parte, segundo lembrou María José Rubio Vidal, do Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio (PROGALIAM), “que ten excelentes resultados e tantas vidas ten salvado en Galicia”. Tanto é así, que “se trata dun programa que é referente non só no ámbito español, senón, tamén, no europeo”.

A conselleira de Sanidade amosouse “moi orgullosa dos resultados do programa e do traballo altamente cualificado que levan a cabo todas e todos os profesionais do proceso asistencial”, comezando polos de Atención Primaria, pasando polos servizos do 061 e finalizando nas salas de Hemodinámica dos tres hospitais de referencia galegos.

María José Rubio destacou, así mesmo, que o seu departamento tamén entrega aos centros de saúde pulsioxímetros, moi útiles para medir, dunha forma sinxela, a saturación de osíxeno no sangue, “o que resulta de vital importancia nos pacientes afectos por problemas respiratorios”. “Levamos entregados ata o momento un total de 23 no que vai de ano”, subliñou a presidenta do Servizo Galego de Saúde, cunha dotación de 14.400 euros. Ao longo de 2008 está previsto rematar a entrega nos restantes centros de saúde.

Para a conselleira de Sanidade, “a dotación de equipamento de diagnóstico como os desfibriladores ou os pulsioxímetros, ou a introdución e aproveitamento das novas tecnoloxías da información na Sanidade pública en beneficio da cidadanía, son dous exemplos do que é o Plan de Mellora de Atención Primaria”.

Este plan, que ven de cumprir o seu primeiro ano de vixencia, permitiu a incorporación este mesmo ano de 28 profesionais de distintas categorías na provincia de Lugo. María José Rubio Vidal anunciou que esta mesma semana comezarán a traballar outros oito profesionais en distintos centros da provincia de Lugo.

A titular do Sistema Sanitario Público de Galicia sinalou que o esforzo que o Goberno galego está a levar a cabo para a construción dunha nova arquitectura no sistema sanitario “non o poderíamos facer sen a colaboración do cadro de profesionais de todos e cada un dos centros de saúde, puntos de atención continuada, e tamén dos hospitais de Galicia”.

“Penso que a Atención Primaria debe de ser máis resolutiva”, asegurou Rubio Vidal, que incidiu en que “por iso estamos a dotala do equipamento necesario”, posto que este nivel asistencial debe de ser “o eixo desa nova arquitectura do sistema sanitario público que estamos a construír” en base a una política de saneamento económico; de máis e mellor emprego público, de modernización das infraestruturas físicas e tecnoloxía médica; a reforma da asistencia sanitaria e un escrupuloso exercicio de transparencia na xestión pública.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova