Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pecha o exercicio presupostario do 2007 cun superávit de 4 millóns de euros


# Martes, 29/04/2008
As previsións do departamento de Economía permitirán facer fronte a posibles imprevistos e garanten a capacidade de reacción da administración local

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, deu conta á Comisión de Contas da liquidación do orzamento do Concello de Lugo para o ano 2007 que pecha o exercicio cun superávit de 4 millóns de euros e que se debe á boa evolución dos ingresos e á axeitada racionalización do gasto. O equipo de López Orozco leva dous anos consecutivos pechando os exercios con superávit.

A liquidación do orzamento pódese definir como o conxunto de operacións matemáticas que se realizan ao peche de cada exercicio para determinar o importe das operacións en curso, o resultado presupostario e o remanente de tesourería.

O resultado presupostario do 2007 é a foto exacta do exercicio realizado. En 2007 é positivo, xa que se xeneraron máis dereitos recoñecidos que obrigas: cun superávit de 3.982.211 euros, semellante ao do ano 2006, que permite abordar o exercicio de 2008 cunha posición económica sólida debido á boa xestión orzamentaria levada a cabo dende o Goberno local. Este resultado económico do Concello de Lugo representa unha gran seguridade fronte a ciclos económicos cambiantes.

O remanente de tesourería, que son os fondos líquidos para gastos xerais unha vez deducidos os créditos de difícil ou imposible recadación, é de máis de 3 millóns de euros, concretamente de 3.174.126 euros. Isto representa un aumento considerable con respecto a 2006 -era de 168.338 euros-. Débese fundamentalmente a unha exemplar xestión económica da tesourería municipal, cun incremento considerable dos ingresos derivados de colocacións de excedentes (97%).

Ademais, os principais ingresos do Concello en 2007 aumentaron:
- As transferencias correntes do Estado (17% dos ingresos): 15.303.857 (+17%).
- O IBI (16% dos ingresos): 14.942.399 (+5%).
- O Imposto de Circulación (IVTM) que representa o 6% dos ingresos: 5.602.710 (+6%).

O Concello cumpre así co principio de estabilidade presupostaria tanto na aprobación coma na liquidación, polo que a capacidade de financiamento é positiva e tamén o é a súa capacidade de reacción ante calquer necesidade económica que xurda no Concello.

O aforro xerado en 2007 é de 13.6112.056 euros e o aforro estrutural é de 9.826.807 euros.

Doutra banda, a Concelleira de Economía propuxo deixar sen efecto o Plan económico financeiro aprobado no ano 2006 polo Pleno, levado a cabo para contraer o crédito extraordinario a baixo interese do ICO para a construción do MIHL. Trátase dun plan que obriga a facer a lei cando hai unha situación de débeda maior do habitual, e que xa non é necesario ao terse acadado o equilibrio presupostario tanto na liquidación do orzamento de 2006 coma no de 2007.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova