Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Simone Kermes continúa co programa de ópera barroca do Festival de Música Cidade de Lugo


# Domingo, 04/05/2008
A soprano é unha das estrelas do momento no panorama operístico internacional

O sétimo concerto do Festival de Música Cidade de Lugo é, sen dúbida, unha das citas máis agardadas e que ningún afeccionado debería perderse. Dentro da programación desta 36ª edición do Festival chama poderosamente a atención a presenza dunha das máis rutilantes figuras actuais do mundo da ópera, a soprano alemá Simone Kermes.

Tras causar unha grandísima impresión na inauguración en Santiago do Festival Via Stellae o pasado verán, volve a Galicia cun esixente programa que require grandes doses de virtuosismo e que está ao alcance de moi poucas cantantes no mundo. O intenso e novidoso programa dedicado á ópera barroca que interpretará no Círculo das Artes o luns 5 de maio inclúe arias de óperas de Antonio Vivaldi e Giovanni Battista Pergolesi xunto a autores menos habituais como Johann Adolf Hasse e Nicola Porpora e practicamente descoñecidos como Leonardo Leo.

Simone Kermes é unha das cantates máis solicitadas internacionalmente para os papeis de soprano dramática de coloratura pola súa excepcional calidade e técnica vocal que lle permite abordar os papeis máis vituosísticos, razón polo que actúa habitualmente nos principais teatros e salas de concerto de Europa, Estados Unidos e Xapón (Nova York, París, Moscova, Barcelona, Praga, Lisboa, Copenhague, Tokio, Amsterdam...) e colabora habitualmente con prestixiosos directores como Riccardo Chailly, Christopher Hogwood, Mikhail Pletnev, Leopold Hager, Andrea Marcon, Jean Christoph Spinosi, Frühbeck de Burgos e un longo etcétera.

No escenario perfecto para un concerto destas características, o do Círculo das Artes, estará acompañada por Le Musiche Nove, unha agrupación suíza de instrumentos orixinais especializada no repertorio barroco fundada polo musicólogo italiano Claudio Osele. Este concerto supón o debut en Galicia dun grupo que participou en festivais e teatros tras senlleiros como Salzburgo, Ámsterdam, París, Washington ou Roma e colabora con artistas como a mezzosoprano Cecilia Bartoli.

A entrada é gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

Esta intensa semana do Festival de Música Cidade de Lugo continúa o mércores 7 de maio con outro concerto dedicado á lírica, neste caso ao lied e a canción, coa presenza doutros dous destacados artistas ingleses, a soprano Carolyn Sampson e o pianista Julius Drake.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova