Cargando....
Concello de Lugo
28/11/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Ruxe Ruxe actúa o sábado no Auditorio de Veterinaria a beneficio da Fundación Anade


# Luns, 05/05/2008


O grupo de rock galego Ruxe Ruxe ofrecerá o sábado día 10, ás 20:00 horas, un concerto a beneficio da Fundación Anade Galicia, dedicada á inserción laboral de persoas con discapacidades e enfermidades mentais a través das artes escénicas.

Na organización deste evento colabora tamén a Universidade de Santiago de Compostela, que, entre outros apoios durante o ano, cede o local para a actuación, que será no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus lugués. Así mesmo, colabora tamén o Concello de Lugo a través da Concellería de Muller e Benestar Social.

Esta actividade foi presentada este luns, día 5, na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo coa presenza do vicerreitor Carlos Herrero, a concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, e a responsable da Fundación Anade Galicia, Ángeles Fernández Mayra.

A Fundación Anade mantén en Lugo dende hai preto de cinco anos un taller de teatro no que se formou o grupo Pinchacarneiro, unha compañía integrada por 15 persoas que está actualmente de xira por Galicia representando a súa segunda montaxe, ‘Pic-nic’, mentres prepara xa o seu terceiro traballo. Nestes anos de actividade en Lugo, a Fundación Anade, mantense con subvencións institucionais e tamén coa organización de distintas actividades culturais, como a Mostra de Teatro Especial de Galicia, a Exposición Internacional de Fotografía sobre Discapacidade, un certame de contos ou a convocatoria do Primeiro Festival de cine sobre discapacidade coa colaboración de Imanol Uribe e José Coronado.

Pola súa banda, o grupo santiagués Ruxe Ruxe ofrecerá neste concerto unha mostra do seu quinto longo, ‘Xigantes’, producido polo propio grupo e Segundo Grandío, no que dan outro paso máis adiante na súa música, cargada de reminiscencias rockeiras mesturadas con elementos máis propios da música tradicional galega. O seu traballo combina guitarras texanas e gaitas de Mouriño nun equilibrio cheo de enerxía e entusiasmo.

Nestes doce anos, os Ruxe Ruxe teñen tocado ao longo de toda a península e sempre con gran acollida de público e crítica, participando nos festivais máis importantes do país. Teñen realizado tamén periódicas actuacións en televisión e radio, incluíndo as súas cancións en series de televisión e películas de cine ou figurando en recopilatorios de música galega e celta.

As entradas, que terán un prezo de oito euros, venderanse de xeito anticipado na Oficina de Cultura da USC, situada na praza Pío XII, e tamén na Oficina de Xuventude do Concello de Lugo, situada na Centro Social Uxío Novoneyra. Por suposto, tamén poderán mercarse dende unha hora antes do comezo do concerto no propio Auditorio.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova